O efecto da tecnoloxía no feminismo e na educación, a análise na Semana Galega de Filosofía

7

Serán dous dos ámbitos sobre os que se reflexionará entre o 13 e o 17 de abril, e contarán coa presenza da profesora e feminista Ana de Miguel e do catedrático en Humanidades Antonio Rodríguez de las Heras

Todas as sesións terán lugar no Teatro Principal e, ao igual que todos os anos, tanto a asistencia como a matrícula serán de balde

A Semana Galega de Filosofía acada a XXXVII edición centrándose na análise da denominada ‘civilización dixital’ e dos efectos e consecuencias que a implantación deste tipo de tecnoloxía está tendo en diferentes ámbitos da sociedade actual, entre os que se analizarán os que afectan ao feminismo e á educación. Fixérono público esta mañá a presidenta da Aula Castelao, Ana Regueira, e a integrante da mesa entidade, Montse Bragado, tras manter unha xuntanza co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, para presentarlle o programa e a temática deste ano.

Tras a xuntanza, Fernández Lores aproveitou para felicitar á Aula Castelao “por estes 37 anos na vangarda do pensamento” e por achegar a Pontevedra palestras de persoas de gran relevancia tanto a nivel galego como estatal e mesmo de fóra do Estado. Nesta edición, as palestras terán lugar entre o 13 e o 17 de abril e volverán converter Pontevedra, en palabras do alcalde “na capital do pensamento durante esa semana”.

Aínda que desde a Aula Castelao se fará público o programa completo o vindeiro venres, Ana Regueira e Montse Bragado adiantaron a participación de dous relatores destacados. Salientaron en primeiro lugar, a participación do catedrático en Humanidades da Universidad Carlos III, Antonio Rodríguez de las Heras, que achegará unha reflexión sobre a sociedade que se está conformando por efecto das tecnoloxías e as consecuencias que está provocando en ámbitos como o educativo e os cambios que se derivan en cuestións como a estrutura e organización da linguaxe. Explicou que este tipo de reflexións resultan especialmente interesantes para as persoas que participan na Semana Galega de Filosofía que se dedican á docencia, xa que inciden en cuestións que afectan directamente ao ámbito de traballo e os retos aos que se teñen que enfrontar os e as docentes a día de hoxe.

Pola súa banda, Montse Bragado anunciou a participación da feminista e profesora da Universidad Rey Juan Carlos, Ana de Miguel, que reflexionará sobre como a sociedade patriarcal está atravesando as novas tecnoloxías. Explicou que “ultimamente está analizando por que se están producindo relacións desiguais na xente nova cando a nosa sociedade polo menos a nivel formal se considera igualitaria, polo que está estudando que está pasando realmente e como inflúe internet”.

As representantes da Aula Castelao aproveitaron para agradecer o apoio do Concello e lembraron que, igual que en anos anteriores, a Semana Galega de Filosofía terá lugar no Teatro Principal e tanto a entrada como a matrícula serán de balde. Ademais a asistencia está homologada por parte da Consellaría con 20 horas de formación para profesorado e por parte da Universidade de Vigo con 30 horas de formación para alumnado.