- A Concellaría de Benestar Social asistirá as necesidades básicas daqueles que o requiran: compras en supermercados, farmacia…
- O Concello lembra que todos os positivos por Covid deben poñerse en contacto coa Policía Local para a xestión dos seus residuos.
O Concello de Pontevedra habilitou esta semana un novo servizo de atención aos pontevedreses e pontevedresas, nesta ocasión aos maiores de 65 anos e persoas con problemas de mobilidade que residen sós. Entre o martes e o mércores, a través dos traballadores e traballadoras sociais dependentes da Concellaría de Benestar Social fixéronse 3.400 chamadas a estas persoas empadroadas en Pontevedra, das que o Concello ten constancia que residen sós.
Preguntóuselles polo seu estado, polas súas necesidades e ofrecéuselles a posibilidade de recibir un servizo de asistencia para cubrir as necesidades básicas, como facer a compra, acudir á farmacia… ou outras situacións similares e urxentes, fixadas dentro do decreto do Estado de alarma.
Ademais, a Concellaría pon a disposición da veciñanza dous teléfonos para asistir a estas persoas (ou a aquelas que non fosen contactadas porque non estiveran nos rexistros municipais).
Os teléfonos de atención son:
- 986 85 03 98
- 986 84 83 34
Estes teléfonos estarán operativos de 08.00 a 20.00 horas, en horario ininterrompido. Fora destas horas, o servizo estará cuberto polos corpos de seguridade: Policía Local e Policía Nacional (986 83 30 80 e 091), segundo o caso.
Este servizo de atención a persoas maiores e con problemas de mobilidade vense a sumar a outros xa postos en marcha polo Concello, a través da coordinación da Concellaría de Benestar Social, como a atención aos cativos e cativas usuarios de Servizos Sociais bolseiros nos comedores escolares; a realización de quendas e entrega de friameiras para os usuarios do Comedor de San Francisco; ou a habilitación de espazos de residencia e estar para indixentes.
Recollida de lixo dos doentes
Outro dos servizos que está operativo dende este mesmo luns é o de recollida de lixo dos e das doentes do municipio. Cabe lembrar que o procedemento é o seguinte:
Os positivos deberán poñerse en contacto coa Policía Local (986 83 30 80) que informará ao servizo de lixo do Concello que recollerá as bolsas, perfectamente pechadas, porta a porta e coas cautelas sanitarias establecidas. Estes usuarios especiais deberán deixar o seu lixo aparte do resto da familia.
Outros servizos
O Concello tamén lembra outros servizos excepcionais postos en marcha nestes tres días e que están a disposición de todos os veciños e veciñas de Pontevedra coa seguinte casuística:
Teléfonos de emerxencia e consultas xerais:
Centraliña municipal, de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas
986 80 43 00
986 100 185
Policía Local: 24 horas
986 83 30 80
Vítimas de violencia machista, dispoñible de 09.00 a 21.00 horas
900 119 741
606 400 680 (atención ás 24 horas)