O tenente de alcalde rógalles aos ‘runners’ que busquen fórmulas para adestrar na casa e pídelle á xuventude que volva converterse en “exemplo de solidariedade”

119
  • Fernández fai balance das medidas adoptadas nesta primeira semana de estado de alarma e solicítalle aos mozos de Pontevedra “que aguanten e queden na casa”, pois “tempo terán de divertirse”

O tenente de alcalde e concelleiro das áreas de Deportes, Educación, Actividade Física e Saúde, Tino Fernández, pediulles hoxe “a aqueles que están acostumados a saír a correr polas rúas ou pola Xunqueira de Alba e a Illa das Esculturas, que non o fagan, que tenten adestrar na casa”, xa que hai fórmulas para facelo e “hai que evitar todos aqueles elementos que poidan incrementar o risco de contaxio”. O socialista fixo o mesmo chamamento “aos adolescentes e mozos”, para que “aguanten e queden na casa”, posto que “tempo terán para divertirse despois”. “Agora é o momento -indicou- de que todos deamos exemplo e a xuventude de Pontevedra sempre foi un exemplo de solidariedade: estou convencido de que vai cumprir a normativa para poder saír disto canto antes”.

Esta mensaxe foi transmitida por Tino Fernández coincidindo coa data na que se cumpre unha semana dende que o Goberno central decretase o estado de alarma por mor da epidemia do Covid-19, tras unha intensa semana de traballo coordinado por parte dos distintos departamentos da Administración local. O edil socialista, que fixo un balance dalgunhas das decisións adoptadas nestes primeiros sete días en áreas como servizos sociais, deportes, promoción económica ou mercados, amosou o agradecemento do Goberno local á cidadanía “polo alto nivel de solidariedade co que están a afrontar esta situación, cumprindo todas aquelas normas que se están ditando dende as administracións”.

O tenente de alcalde tamén quixo recoñecer o labor que están a realizar “todas aquelas persoas que seguen a traballar: o persoal sanitario, que está facendo un esforzo infinito; o persoal de limpeza; os traballadores e traballadoras dos supermercados; os transportistas; os condutores de autobuses; os taxistas, os empregados e as empregadas públicos… Os que cada día, co seu traballo, tentan que a nosa vida sexa un pouquiño máis sinxela”. “Non quero esquecerme -engadiu- das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que están a efectuar un labor valiosísimo. Para todos eles, o noso recoñecemento e a nosa admiración”.

Tal e como sinalou o edil do PSOE, “estamos a vivir unha situación complexa, grave e que esixe o mellor de nós”, xa que “tratamos cun problema de saúde que afecta non só a España, senón a todo o mundo, unha auténtica pandemia que só imos poder vencer se nos mantemos unidos, se somos fortes, se somos capaces de cumprir coas indicacións que nos seguen a dar dende os diferentes ministerios e autoridades competentes”. 

“Este non é o momento para ‘llaneros solitarios’. Agora, máis que nunca, a nosa forza está na nosa unión, en esquecernos de facer política e en unirnos todos para loitar con forza contra este virus que nos ten confinados na nosa casa”.

Unha sociedade aberta, madura e responsable

Segundo afirmou Tino Fernández, “a de Pontevedra é unha sociedade aberta, madura e responsable, algo que amosa continuamente” e, como tenente de alcalde e tamén como veciño, lévao a sentirse “orgulloso ante a resposta que os pontevedreses e as pontevedresas están a dar ante esta situación tan complicada”. Na súa opinión, se cabe máis nestes días, “é un orgullo ser un veciño de Pontevedra”.

O concelleiro socialista pídelle á cidadanía que continúe a manter o esforzo, posto que “aínda nos quedan por diante días, tal vez semanas, de confinamento”, que “non vai ser fácil, pero que é absolutamente necesario e a única forma de loitar contra este virus: temos que manter a presión, temos que manter o confinamento para poder gañar esta partida”.

Fernández asegura que tódalas administracións están facendo “o maior dos esforzos” para saír desta crise: a Administración central está ditando instrucións e normas “que sabemos que son duras, pero que son necesarias”, e a Administración municipal “é a encargada de que esas normas se cumpran e tamén de manter aqueles servizos esenciais, sobre todo no que se refire ás persoas máis desfavorecidas”. Así, dende a Concellería de Benestar Social ditáronse normas e accións tendentes a axudar a persoas que viven soas, que non teñen teito ou que se atopan en situación de vulnerabilidade. “Dende o Concello -apuntou o tenente de alcalde- estamos a facer un enorme esforzo en materia de servizos sociais para que aqueles que máis o precisan teñan as súas necesidades cubertas”.

Tamén en materia de promoción económica e mercados se adoptaron medidas para tentar minimizar as dificultades de vendedores e clientes, por exemplo da Praza de Abastos. No eido deportivo, a Concellería que dirixe Tino Fernández mantén unha constante comunicación cos clubes e traballa na búsqueda de solucións para axilizar ao máximo o pago das subvencións pendentes.

“Estamos a traballar en tódolos ámbitos nas nosas mans para que a vida dos pontevedreses se vexa o menos afectada posible por esta situación. Por iso insistimos en pedirlles a todos a máxima colaboración. Todos unidos sairemos disto máis fortes e poderemos desfrutar canto antes dunha Pontevedra cada día máis fermosa”, aseverou o edil do PSOE.