A Concellería de Deportes e Serviocio BeOne poñen en marcha o programa de adestramento gratuíto #YoEntrenoEnCasa con máis de 300 clases virtuais

870
  • Tódolos cidadáns que desexen sumarse á iniciativa poderán facelo rexistrándose na dirección web ‘www.beone.es/behome’ ou desfrutando das aulas a través de Facebook e Instagram

O estado de alarma decretado polo Goberno central por mor da pandemia do Covid-19 arrebatou as súas rutinas de adestramento a moitos cidadáns que viñan practicando actividade física con certa regularidade no seu día a día. Conscientes da importancia que o mantemento dunha boa forma física ten para afrontar esta situación, a Concellería de Deportes e a empresa concesionaria da xestión do Complexo Municipal de Campolongo, o grupo Serviocio BeOne, decidiron poñer en marcha o programa #YoEntrenoEnCasa, que ofrece adestramentos virtuais de xeito gratuíto a tódolos cidadáns que así o desexen.

Deste xeito, os pontevedreses teñen á súa disposición máis de 300 clases virtuais impartidas por profesionais, entre as que se inclúen tonificación, baile, HIIT (High Intensity Interval Training), meditación, ioga ou pilates. O único que deben facer @s que queiran participar desta iniciativa é rexistrarse na dirección web ‘www.beone.es/behome’ e seguir as instrucións: chegaralles á súa bandexa de entrada un correo electrónico coas claves de acceso.

Asemade, Serviocio BeOne tamén oferta tódolos días clases en directo, gratuítas e en aberto, no seu perfil oficial ‘@beone_fitness_sport’, e irá publicando no seu Facebook as gravacións das clases xa emitidas (no link ‘https://www.facebook.com/complexodeportivocampolongo/’). Á marxe do lema central de #YoEntrenoEnCasa, estas sesións virtuais levan aos nosos fogares hashtags de ánimo como #JuntosLoConseguiremos ou #TodoIráBien.

Tal e como sinala o concelleiro de Deportes, Actividade Física e Saúde, Tino Fernández, o obxectivo “é que os cidadáns non se deixen vencer polo tedio e manteñan unha boa forma física e mental, algo se cabe aínda máis necesario nestes días de confinamento”. “Somos conscientes de que non resulta nada doado manter a forza de vontade e a determinación  para practicar deporte nestas condicións. Este programa de BeOne é unha boa oportunidade para motivarse e manterse activo e en forma dende a casa”, subliñou o edil socialista.

Consellos para os maiores, na web do Ministerio de Sanidade

Aínda que a iniciativa da Concellería de Deportes e a concesionaria do Complexo de Campolongo está aberta a todo o público, as actividades que se propoñen están máis orientadas cara unha poboación cun mínimo de hábitos de actividade física semanal. Non obstante, Tino Fernández lembra que “a persoas máis ou menos sedentarias poden atopar excelentes recomendacións para levar un estilo de vida saudable na web do Ministerio de Sanidade (www.estilosdevidasaludable.mscbs.gob.es/)”, en especial na parte adicada ás persoas adultas (https://www.estilosdevidasaludable.mscbs.gob.es/actividadFisica/actividad/recomendaciones/adultos/home.htm).