Iniciado o expediente do contrato de mantemento de espazos públicos no rural por máis dun millón de euros

16
  • A Xunta de Goberno local vén de aprobar o inicio da tramitación do contrato que permitirá atender obras de reparación e acondicionamento nas vías públicas rurais, durante os vindeiros 3 anos

A Xunta de Goberno local celebrada esta mañá aprobou, entre outros asuntos, o inicio do expediente de contratación das obras de reparación e acondicionamento nas vías e espazos públicos do rural. Este contrato ten un orzamento que ascende a 1.082.948,79 euros e un prazo de duración de tres anos. 

Hai que lembrar que este contrato posibilitará facer fronte a todas as incidencias e reparacións que fosen necesarias no ámbito rural durante o período de tres anos, o que permitirá atender bacheos, reparacións de pavimentos, sinalizacións horizontais e verticais, pintados, balizamentos, rozas, limpezas, retirada de entullos caídos ás vías municipais ou melloras na rede de augas pluviais, entre outras actuacións. 

A concelleira de Protección Cidadá, Eva Vilaverde, que actuou esta mañá como portavoz do Goberno explicou que as Xuntas de Goberno se siguen celebrando “dentro da seguridade e da esencialidadade que se marcou no Concello para manter un mínimo de normalidade na actividade municipal”. Neste sentido, indicou que “o servizo de Contratación foi acordado por este Concello como un servizo esencial e está traballando con todo aquelo que se pode ir acordando”. Vilaverde matizou que os trámites das contratacións “se paralizarán no momento en que cheguen á fase de publicación do anuncio.”

Outros acordos

A Xunta de Goberno local tamén aprobou a prórroga do contrato de servizo de responsabilidade e coordinación en materia de seguridade e saúde e prevención de riscos laborais na execución das obras de titularidade municipal, que consta de dous lotes. O lote A corresponde á Oficina Técnica de Arquitectura (OTA), asinado coa empresa Ingeniería de Gestión y Seguridad, que se prorroga por un ano máis a contar desde o 19 de abril. O lote B corresponde á Técnica de Medio Ambiente, Infraestructura, Enxeñeiría e Servicios (OTMAIES), asinado coa empresa Ingeniería y Prevención de Riesgos, que tamén se prorroga por un ano máis a contar desde o 19 de abril. Ambas prórrogas teñen un importe de 30.239,49 euros cada unha. 

Na mesma Xunta aprobouse unha modificación do contrato de subministración de enerxía eléctrica aos edificios e instalacións públicas, co obxecto de incluír o subministro en dous edificios máis: o edificio da rúa Ferreiros e o novo local de Os Campos. Esta modicificación do contrato existente coa empresa Iberdrola supón un incremento anual de 12.355,25 euros 

Aprobouse, así mesmo, o inicio de expediente do servizo de montaxe de liñas e cadros para subministro de enerxía eléctrica para atraccións de feira das festas de Santiaguiño, Peregrina e Feira Franca para o ano 2020 po un importe de 145.377,72 euros.

Por último, a Xunta de Goberno tamén deu conta do imposibilidade de execución do contrato de concesión da obra pública para a reforma, mellora, ampliación e explotación do complexo deportivo de Campolongo, derivada do cumprimento do primeiro decreto de emerxencia sanitaria da Xunta que obrigou a pechar estas instalacións deportivas.