Igualdade habilita un enlace que permite remitir a través de correo electrónico as obras coas que se concorra ao I Premio Literario Pinto e Maragota

53
  • Paloma Castro lembra que todos aqueles interesados en participar neste galardón, organizado en colaboración con Edicións Xerais de Galicia, teñen ata o 23 de abril para presentar os orixinais 

Coincidindo coa conmemoración do Día do Libro LGTBI, que se ven celebrando dende hai uns anos cada 1 de abril, a Concellería de Igualdade acaba de habilitar un enlace (https://pintoemaragota.gal/premio) que permite presentar a través de correo electrónico as obras coas que se pretenda participar na primeira edición do Premio Literario Pinto e Maragota. Todos aqueles interesados en concurrir neste certame, organizado en colaboración con Edicións Xerais de Galicia e dotado dun único galardón cunha asignación económica de 3.000 euros, disporán así dunha alternativa á correspondencia ordinaria para facer chegar ao Centro de Información á Muller (CIM) os orixinais dos seus traballos, evitando así ter que desprazarse ata a oficina ou as caixas de Correos e expoñerse a posibles contaxios.

A concelleira de Igualdade, Paloma Castro, lembra que o prazo de entrega das obras non vence ata o xoves 23 de abril, polo que anima “aos autores que queiran visibilizar e dignificar a diversidade sexual e de xénero e que aínda non remitisen os seus traballos” a aproveitar a situación na que nos atopamos “para concentrarse na escritura”. Tal e como sinala a socialista, no Premio Literario pode concorrer “calquera autora ou autor, maior de idade, de calquera nacionalidade, que presente un texto escrito en lingua galega conforme á normativa oficial, establecida pola Real Academia Galega (RAG)”.

As obras presentadas deben ser orixinais e inéditas, tendo presente no seu argumento, como temática principal ou transversal, a diversidade sexual e de xénero: orientación sexual e/ou identidade de xénero. 

O xénero literario das obras presentadas poderá ser novela, teatro ou poesía, tanto para público infantil e xuvenil como adulto. No caso de optar por novela ou obra dramática, o texto deberá ter unha extensión total mínima de 90.000 caracteres con espazos, mentres que as poesías serán dun mínimo de 500 versos, de forma libre. Cada autor ou autora poderá presentar cantas obras como queira, en envíos separados.

O traballo premiado será publicado por Edicións Xerais de Galicia, que asinará coa gañadora ou gañador un contrato de edición nas condicións habituais, sempre de acordo coa lexislación vixente sobre a propiedade intelectual. 

Deben presentarse en formato dixital en tódolos casos

As obras deben presentarse en formato dixital (CD ou memoria USB), ben no enderezo do CIM (Praza de José Martí, 36002, Pontevedra), ben a través do novo formulario online habilitado. No primeiro caso, as persoas concorrentes teñen que indicar no exterior do sobre ou paquete ‘Para o I Premio Literario Pinto e Maragota’. Co orixinal, que deberá ser presentado baixo lema e sen ningún tipo de dato que identifique ao seu autor/a, achegarase, nun único sobre pechado, o nome completo, enderezo e teléfono do autor/a, así como o título da obra.

O xurado deliberante estará formado por tres persoas competentes na materia, dúas designadas pola concelleira de Igualdade e outra a proposta de Edicións Xerais de Galicia. Con voz e sen voto, formarán tamén parte do xurado a concelleira e un funcionario ou funcionaria que ela designe e que actuará como secretario/a. 

Este xurado reunirase para decidir o gañador/a do premio (que non poderá ser dividido, pero si declarado deserto) antes do 28 de xuño de 2020 e as súas decisións serán inapelables. Se no período de tempo transcorrido entre a presentación dunha obra e o ditame do xurado, dita obra obtivese outro premio, o autor ou autora débello comunicar inmediatamente ao Concello de Pontevedra, retirándoa do certame Pinto e Maragota.