O Concello pon en marcha o certame fotográfico ‘Memoria dun confinamento. Pontevedra 2020’

183
  • Poderán participar todas as persoas que o desexen con fotografías feitas desde os seus domicilios
  • O certame ponse en marcha con motivo do Día das Artes Galegas e o prazo de participación será do 2 ao 12 de abril
  • De entre todas as fotografías recibidas, un xurado cualificado realizará unha selección que formará parte dunha mostra na rúa

Con  motivo do Día das Artes Galegas – instituído o 1 de abril pola Real Academia Galega das Artes- o Concello pon en marcha o certame fotográfico ‘Memoria dun confinamento. Pontevedra 2020’. Trátase dunha iniciativa coa que se pretende conxugar tres aspectos: a posta en valor da  arte, a participación activa  da veciñanza, e a execepcionalidade do día a día que se está a vivir. 

O certame estará activo desde o 2 ata o 12 de abril e poderán participar todas as persoas que o desexen con fotografías realizadas desde os seus domicilios e nas que amosen exteriores, como as vistas desde xanelas, balcóns ou terrazas. De entre todas as fotogafías realizarase unha selección que pasará a formar parte dunha mostra que se exhibirá na rúa nos vindeiros meses. A mostra resultante pretende ser unha compilación de diferentes visións da Pontevedra urbana e rural desde a óptica das persoas que a habitan, e que á súa vez toman o protagonismo como narradores e narradoras do día a día dunha situación insólita como a actual.

Bases:

– Poderán participar todas as persoas que o desexen, sen límite de idade, cunha única fotografía por persoa

– Estableceránse 3 categorías de participación:

– Infantil – Xuvenil: ata 18 anos

– Adultos/as: de 19 a 65 anos

– Sénior: a partires de 65 anos

– As fotografías deben amosar un espazo exterior pero deixar ver claramente que están realizadas desde o interior dun domicilio, polo que deben incluír algún elemento dunha xanela, terraza, balcón, verxa, cancela, etc

– As fotografías deben ser realizadas desde domicilios ubicados no Concello de Pontevedra, tanto na cidade como nas parroquias do rural

– A participación realizarase a través do formulario da páxina web do Concello de Pontevedra: apuntate.pontevedra.gal.

– O formulario requiriá os seguintes datos e documentos: 

– Fotografía en formato .jpg e cun peso entre 2MB e 5MB

– Datos do autor ou autora da fotografía:

– Nome e apelidos (obrigatorio)

– Idade (obrigatorio)

– Enderezo correo electrónico (opcional)

– Teléfono de contacto (obrigatorio)

– Lugar desde o que foi tomada a fotografía (obrigatorio)

– Título da fotografía (opcional)

– O formulario para participar permanecerá aberto desde o 2 de abril ás 12h ata o 12 de abril ás 23:59h

– De entre todas as fotografías recibidas, un xurado cualificado realizará unha selección que formará parte dunha mostra que se exhibirá na rúa nos meses posteriores ao confinamento

– O xurado estará formado por persoas relacionadas co mundo da arte e da fotografía, cuxa composición se fará pública no momento da selección das fotografías da mostra.

– A participación neste certame supón a aceptación destas bases