Promoción Económica activará unha base de datos online para informar en tempo real á cidadanía sobre os negocios que permanecen en funcionamento na cidade

1482
  • A información actualizarase a través da páxina web do proxecto Iles (www.proxectoiles.es) e facilitará datos sobre os servizos que ofertan os comercios, como a realización de pedidos a domicilio
  • A concelleira Yoya Blanco explica que esta compilación servirá tamén para crear un directorio de pymes e unha app municipal para que as tendas poidan vender os seus artigos por internet

A Concellería de Promoción Económica e Turismo está a traballar na elaboración dunha base de datos para informar aos cidadáns en tempo real dos diferentes negocios de Pontevedra que permanecen en funcionamento durante o estado de alarma motivado polo Covid-19. A súa finalidade é a de proporcionar, a través das páxinas web do Concello (www.pontevedra.eu) e do proxecto Iniciativa Local de Emprego Social (www.proxectoiles.es), datos actualizados sobre os medios de contacto e os servizos que ofertan os establecementos, como o reparto de produtos a domicilio, facilitando deste xeito a realización das compras nestes días de confinamento.

Con tal motivo, o Servizo de Promoción Económica puxo a disposición dos negocios do concello de Pontevedra unha dirección de correo electrónico (administracion@proxectoiles.es) á que deben remitir a seguinte información: email de contacto, nome comercial do establecemento, tipo de establecemento (a que se adica, que produtos ou servizos oferta…), se o local permanece aberto, o horario de atención ao publico, a posibilidade de efectuar compras a domicilio e as condicións deste servizo (compra mínima, distancia cuberta en quilómetros…). “Tamén deberán indicar como se pode realizar un pedido nas súas tendas, facilitando datos como a súa páxina web, o seu teléfono de contacto, o seu whatsapp ou a súa dirección de Facebook”, explica a concelleira Yoya Blanco.

Tal e como apunta a concelleira socialista, esta base de datos online será “en principio para informar sobre os locais de Pontevedra que permanecen activos durante o estado de alarma e sobre os servizos que ofrecen”, pero “toda a información compilada empregarase máis adiante para crear un directorio de pequenas e medianas empresas (pymes)”. A súa idea é a de deseñar e poñer en marcha nun futuro “unha app de comercio local que funcione ao estilo doutras coñecidas plataformas, permitindo que os cidadáns poidan adquirir os seus produtos e artigos por internet”.