O Concello habilita no Multiusos o segundo centro de acollida para persoas sen fogar

70
  • Entrará en funcionamento mañá e terá capacidade para 50 persoas, aínda que inicialmente acollerá a unhas 15.
  • Estará xestionada por Cruz Vermella e coordinado pola Concellaría de Benestar Social. Protección Civil entregaralles a comida que cociñará o Comedor de San Francisco.

A Concellaría de Benestar Social que xestiona Paloma Castro vén de habilitar nas instalacións do Pavillón Multiusos un novo centro de acollida para persoas sen teito mentres dure a alerta sanitaria. Empezará a funcionar mañá mesmo e estará xestionado por Cruz Vermella a través dun contrato de 6.000 euros que acaba de asinar o servizo, e estará coordinado polo Concello de Pontevedra.

A Concellaría está habilitando esta instalación para acoller a unhas 15 persoas, aínda que terá cabida para 50. O réxime será de confinamento, polo que o contacto co exterior será a través dos voluntarios da Cruz Vermella que lles darán apoio aos aloxados. Os aloxados deberán aceptar unhas normas de convivencia e un protocolo de ingreso que consiste en toma de temperatura diaria, control de saturación de osíxeno, ducha no momento do ingreso e roupa limpa.

Cruz Vermella achegará as camas, os sacos de durmir e as almofadas. Tamén kits de hixiene persoal e a lavandería. Estarán atendidos por un coordinador e dous voluntarios  da ONG.

O Concello encargarase da vixilancia e tamén dará o apoio sanitario a través dos profesionais da Unidade de Día (UAD) tres veces á semana. Será o encargado de habilitar un pequeno comedor con mesas e cadeiras no que tamén haberá un almacén para produtos non perecedoiros. 

Protección Civil será a encargada de entregarlles a comida e a cea que cociñará o Comedor de San Francisco. A comida irá en friameiras individuais cedidas por Carrefour, ao igual que unha neveira. 

Todo o servizo estará coordinado por unha técnica municipal, encargada do funcionamento dos dous centros de acollida de persoas sen teito que se habilitaron na cidade con motivo da pandemia: Raíña da Paz e Multiusos.