Promoción Económica pon en funcionamento a base de datos dos establecementos comerciais e pymes activos en Pontevedra cunha lista de 70 negocios

96
  • Entre os sectores que continúan a prestar servizo inclúense alimentación, informática, veterinaria, óptica, electrodomésticos, téxtil, limpeza, seguros, ferretería, asesoría e axuda a domicilio

Os pontevedreses xa poden consultar dende hoxe na web da Iniciativa Local de Emprego-ILES (www.proxectoiles.es) a base de datos que a Concellería de Promoción Económica e Turismo activou coa finalidade de dar a coñecer en tempo real os negocios e pymes da cidade que permanecen en funcionamento durante o estado de alarma. Ata o momento, o departamento que dirixe Yoya Blanco recompilou información sobre uns 70 establecementos comerciais e empresas, se ben a lista continuará a actualizarse nas vindeiras xornadas con novas incorporacións.

A base de datos online permite coñecer tanto os servizos que se ofertan (entre eles, o reparto de produtos a domicilio) como os medios de contacto, facilitando así a asistencia e a realización de compras mentres duren as medidas de confinamento. Na lista confeccionada polo Servizo de Promoción Económica inclúense os sectores de alimentación (carnicerías, peixerías, froiterías, conxelados, queixerías, panaderías, tendas-supermercados, comida para levar…), téxtil, informática, electrodomésticos, reparación, servizos médicos, veterinarias, ópticas, limpeza, seguros, asesorías, xestorías, ferreterías, artigos de beleza e benestar, axuda a domicilio, centros de formación e venta de material de oficina (librerías/papelerías).

Segundo lembra a concelleira Yoya Blanco, “o Concello ten a disposición de todas aquelas pymes e negocios que queiran formar parte desta base de datos un correo electrónico (administración@proxectoiles.es) ao que deben facer chegar a seguinte información: email de contacto, nome comercial do establecemento, tipo de establecemento (a que se adica, que produtos ou servizos oferta…), se o local permanece aberto, o horario de atención ao publico, a posibilidade de efectuar compras a domicilio e as condicións deste servizo (compra mínima, distancia cuberta en quilómetros…)”. Tamén deberán indicar como se pode realizar un pedido nas súas tendas, facilitando datos como a súa páxina web, o seu teléfono de contacto, o seu whatsapp ou a súa dirección de Facebook.

A listaxe de establecementos comerciais activos tamén se pode consultar nunha pestana específica da páxina web do Plan de Acción Municipal contra o Coronavirus (https://www.pontevedra.gal/covid-19/) e directamente na seguinte ligazón: https://proxectoiles.eu/PONTEemprego/COVID-19/Base%20datos%20comercio%20COVID-19.pdf

Un directorio de pymes e unha app de comercio local

Tal e como anticipara a socialista Yoya Blanco, aínda que esta base de datos online servirá inicialmente para informar sobre os locais de Pontevedra que permanecen activos durante o estado de alarma e sobre os servizos que ofrecen, toda a información que se compile neste período “empregarase máis adiante para crear un directorio de pequenas e medianas empresas (pymes)”. A súa idea é a de deseñar e poñer en marcha posteriormente unha app de comercio local que funcione ao estilo doutras coñecidas plataformas, facilitando a adquisición de artigos, produtos e servizos dos negocios de proximidade a través de internet.