O Concello traslada un pésame personalizado ás familias con defuncións durante a crise

5
  • Trátase dunha manifestación de agarimo coa que se pretende arroupar ás familias que deben despedir seres queridos en obrigada soidade por mor do estado de alarma

As normas de prevención e seguridade por mor da pandemia do Covid-19 que afectan a velorios e enterros están a producir un cambio substancial en canto ás despedidas das persoas falecidas. Neste sentido, e tendo en conta o reducido número de familiares permitido neste proceso, o Concello decidiu trasladar un pésame personalizado ás familias con defuncións durante a crise.

A concelleira responsable de cemiterios, Carme Fouces vén de dar a instrución para que o persoal deste servizo lle faga chegar á familia unha ofrenda floral e unha carta persoal do alcalde, no nome de toda a Corporación municipal, na que lles traslada as condolencias e lle transmite o afecto do Concello nestes tempos de soidade obrigada. Fouces explica que esta iniciativa nace por entender que “as sociedades sempre precisaron compañía para despedir aos seus seres queridos e cando alguén falece é o momento para que nos reunamos para recibir o apoio dos demais”, un tipo de acompañamento que neste momento non é posible polo que con “este pésame especial o que pretendemos é contribuír a aliviar a dor da despedida”.

Con esta iniciativa, o Concello pretende estar ao lado das familias para que se sintan arroupadas nunha situación na que, ademais de perder a un ser querido, deben pasar polo trance de non poder despedilo publicamente no tempo e na forma na que se viña facendo habitualmente.