- A cifra global que o ente turístico municipal destinará este ano aos equipos da cidade ascende a 240.600 euros. Oito clubs de primeiro nivel beneficiaranse desta transferencia económica
Os clubs deportivos de Pontevedra xa poden darse outro pequeno respiro, cando menos no que a saúde económica se refire. Despois de que a Concellería de Deportes dera cunha fórmula administrativa que permitirá desbloquear as subvencións anuais do ano 2018, o ente municipal Turismo de Pontevedra transferiu esta mesma mañá aos equipos que patrocina as cantidades correspondentes ao primeiro trimestre do seu contrato anual.
Deste xeito, os clubs poderán percibir a parte proporcional dunha cifra global que para 2020 ascende a 240.600 euros (en conxunto, algo máis de 24.000 euros). En concreto, a áxil tramitación levada a cabo polo persoal do ente turístico, que traballou a contrarreloxo para que este abono en conta se executase en tempo récord, beneficiará a un total de oito equipos patrocinados por Visit Pontevedra: Club Cisne Balonmán, Natación Galaico, Pontevedra CF, Tenis de Mesa Monte Porreiro, SD Teucro, Bádminton Ravachol, Sociedade Ximnástica e CB Arxil.
O único equipo patrocinado que non cobrou foi o Leis Pontevedra FS ao non presentar a correspondente factura.
A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, amosouse tremendamente satisfeita “coa dedicación e esforzo” que o persoal do seu departamento lle puxo a esta tramitación, “que sen dúbida suporá un alivio para a ‘caixa’ dos nosos clubs nestes momentos tan complicados que están a atravesar a nivel deportivo e económico”.