Un boletín online dará a coñecer as actividades das empresas do programa ‘Pontevedra ten un Puntazo’ durante o período de estado de alarma polo Covid-19

165
  • A plataforma impulsada por Yoya Blanco pretende tamén implicar a outras firmas que queiran participar e difundirá as accións e eventos en eidos como o creativo, o artístico e o da innovación

No seu esforzo por achegar o comercio e as pymes locais á cidadanía durante estes días de confinamento polo Covid-19 e despois de impulsar unha base datos coa oferta de produtos e servizos activos no concello, o Servizo de Promoción Económica porá tamén en marcha un boletín online para dar a coñecer as actividades que as empresas participantes no programa municipal ‘Pontevedra ten un Puntazo’ estean a desenvolver nestes días. O obxectivo desta plataforma, á que se poderán unir todas aquelas firmas da cidade pertencentes aos sectores artístico, cultural, educativo ou da innovación que así o desexen, é activar a creatividade, publicitando todas aquelas iniciativas e eventos gratuítos ou de pago nestes eidos.

Nunha primeira fase, a Concellería que dirixe Yoya Blanco recollerá toda a información relativa ás actividades nas que as empresas colaboradoras de ‘Pontevedra ten un Puntazo’ se atopan implicadas, habilitando o correo electrónico ‘administración@proxectoiles.es‘ para que que se poidan enviar outras propostas ou información. A edil responsable de Promoción Económica e Turismo considera que “en vista desta nova situación motivada polo Covid-19, que nos afecta a tódolos cidadáns e da que queremos que saír reforzados, é o momento de fomentar a creatividade e a colaboración entre as diferentes pymes de Pontevedra e de anticiparnos a unha nova forma de construír a cidade”.

“No concello dispoñemos dun amplo abano de empresas creativas, de sectores tan diversos como a educación, a arte, a arquitectura ou o comercio. Hai que comezar a pensar nos tempos que veñen e nas actividades económicas que poden estar a xurdir e que xurdirán. Neste contexto, temos que unir forzas, talentos e posibilidades”, asegura a concelleira do PSOE.

Esa é precisamente a finalidade deste novo proxecto, no que se propón ás pymes que informen ao Concello sobre as actividades que estean a facer para darlles publicidade a través dun boletín online. Esta plataforma poderá consultarse na páxina web e nas redes sociais da Iniciativa Local de Emprego-ILES (www.proxectoiles.es) e nunha pestana específica da web do Plan Municipal de Acción contra o Coronavirus (https://www.pontevedra.gal/covid-19/).

Pasar á acción

Tal e como avanza Yoya Blanco, o seu departamento xa ten en marcha un proxecto “para o día despois desta crise sanitaria, para reconstruír a nosa economía e a vida da nosa cidade”, polo que “un segundo paso desta iniciativa sería a convocatoria dunha reunión cos empresarios para expoñerlles este reto local”. “Debemos poñernos en pe -subliña a edil socialista- e pasar do pensamento á acción. Ademais de traballar na elaboración dun directorio de establecementos comerciais e no futuro deseño dunha app que permitirá a transacción de produtos e servizos, en breve daremos a coñecer unha campaña que vai guiar o camiño da recuperación de Pontevedra co comercio local, os restauradores e as pymes como protagonistas”.