A Federación suspende a celebración do Campionato de España de Ximnasia Acrobática que ía acoller Pontevedra entre os días 19 e 21 de xuño

44
  • A circular informativa remitida pola RFEG deixa pendente a decisión de adiar a unhas novas datas este evento, organizado polo Club Treboada en colaboración coa Concellería de Deportes

Ante a situación de inseguridade e incerteza xerada pola pandemia do Covid-19, a Real Federación Española de Gimnasia ven de remitir ás federacións autonómicas desta disciplina unha circular informativa na que anuncia a súa decisión de suspender tódalas competicións nacionais previstas para os meses de maio e xuño, “agardando dispoñer dun escenario máis seguro unha vez que a crise sanitaria permita reactivar a organización de eventos deportivos”. Esta medida da RFEG afecta polo tanto ao Campionato de España de Acro (ximnasia acrobática) que ía celebrarse en Pontevedra entre os días 19 e 21 de xuño e que queda pendente de adiamento a unhas novas datas cando a situación así o aconselle.

Ademais de informar da cancelación do evento organizado polo Club Treboada e a Concellería de Deportes, a misiva da RFEG tamén suspende a 2ª Fase da Liga de Clubes Iberdrola GR (30-31 de maio); a Fase Final da Liga de Clubes Iberdrola GAF (5-7 de xuño); o Campionato de España Individual e o Campionato de España Masculino GR (11-14 de xuño), e o Campionato de España por Equipos e a 2ª Fase da Copa de España de Conxuntos GR (19-21 de xuño). “Unha vez dispoñamos de máis información -sinala a misiva- elaboraremos o calendario definitivo que vos será remitido. Ata entón, pedímosvos colaboración e paciencia nestes difíciles momentos. Estamos seguros de que unidos poderemos volver á normalidade e desfrutar do noso deporte o antes posible”.

A Federación Española aplaude a resposta da comunidade ximnástica ante esta pandemia, amosando día a día “a forza, a coraxe e a motivación” para quedar na casa, paralizar as actividades deportivas e “seguir co motor en marcha, vendo como a ximnasia se integra na sociedade española a través de redes sociais, vídeos e mensaxes de ledicia” para a súa afección.

O concelleiro de Deportes, Tino Fernández, lamenta que o contexto de alerta sanitaria estea a alterar por completo o calendario de actividades e eventos deportivos de 2020, obrigando á suspensión do Campionato Galego de Atletismo (a RFEA cancelou tódalas actividades ata novo aviso), a BTT Pontevedra 4 Picos (trasladada ao 12 de setembro) ou os X Xogos Nacionais de Transplantados (adiados ao vindeiro ano), pero subliña que “a saúde é o único verdadeiramente importante nestes intres e, como outros aspectos da vida, haberá tempo para volver a gozar de todas estas competicións”.