O estado de alarma obriga a aprazar a primeira das Charlas sobre Vida Saudable do programa Ponteandadas

37
  • A ponencia íase celebrar o vindeiro sábado 18 de abril na Casa da Luz, formaba parte dun programa de tres conferencias e levaba por título levaba por título ‘Deporte a calquera idade’

Ante as medidas decretadas polo Goberno central por mor da crise sanitaria do Covid-19, a organización da iniciativa municipal Ponteandadas, impulsado pola Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde de Pontevedra, viuse obrigada a aprazar a primeira das Charlas sobre Vida Saudable incluídas no seu programa. Esta conferencia inaugural, que levaba por título ‘Deporte a calquera idade’, ía ter lugar o vindeiro sábado 18 de abril na Casa da Luz e formaba parte dunha serie de tres ponencias: as outras dúas, sobre ‘Recomendacións e consellos para un adestramento moderado’ e ‘Fisioterapia e alimentación saudable’ están previstas para o 27 de xuño e o 17 de outubro respectivamente.

Trátase do segundo evento do proxecto Ponteandadas que se apraza con motivo do estado de alarma. Non obstante, o programa nin sequera chegou a poñerse en marcha, ao ter que cancelarse a primeira das cinco andaínas contempladas para este ano, de 12 kilómetros, que debía discorrer polas parroquias de Mourente e Bora.

O concelleiro de Deportes, Tino Fernández, lamenta que as actuais circunstancias non permitan desenvolver unha iniciativa “cunha tremenda demanda e que fomenta a actividade física e a vida saudable para tódalas idades”, pero lembra que “o primeiro é precisamente a saúde e xa haberá tempo de sobra para desfrutar destas camiñadas sen perigo e seguro que cun tempo espléndido”. “A seguinte das andainas, pola parroquia de Cerponzóns, de case 16 kilómetros, está prevista para o 24 de maio, polo que imos ver como se desenvolven os acontecementos… E se non, sairemos con máis gañas na seguinte”, sinala o tenente de alcalde. 

O proxecto Ponteandadas pretende poñer en valor a paisaxe, fauna, flora, cultura e patrimonio dos espazos naturais polos que discorre, así como fomentar a actividade física e a vida saudable. Cinco andainas e tres charlas sobre deporte, fisioterapia e alimentación conformaban o programa inicial organizado pola Concellería en colaboración co Naturgaliza Club, con roteiros por Mourente, Bora, Cerponzóns, Lourizán e Alba, así como por sendeiros do Camiño de Santiago e zonas verdes do centro urbano.