O concelleiro de Deportes levará a Pleno unha proposta para que os campos de fútbol da Xunqueira sexan rebautizados co nome de Manolo Barreiro

129
  • O anuncio desta iniciativa, promovida por nove clubs deportivos, coincide co aniversario do Presidente de Honra da Delegación Pontevedresa da Federación Galega de Fútbol, que hoxe cumpre 95 anos
  • Tino Fernández asegura que “se trata dunha merecida homenaxe a unha das persoas máis importantes no fomento do fútbol base local, ligada a este durante máis de medio século”

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, levará ao Pleno da Corporación de Pontevedra unha iniciativa para que os terreos de xogo da Xunqueira sexan rebautizados co nome de Complexo Municipal de Fútbol Manolo Barreiro Lores, en homenaxe ao Presidente de Honra da Delegación Pontevedresa da Federación Galega. O anuncio desta proposta, promovida a partir dun escrito asinado por nove entidades deportivas do concello e presentado por Rexistro a finais do ano pasado, coincide coa celebración do aniversario de Barreiro, que hoxe cumpre 95 anos.

A solicitude de cambio de nome dos campos, coñecidos actualmente como CFHS Xunqueira I, CFHS F8 Xunqueira I, CFHS Xunqueira II e CFHS F8 Xunqueira II, partiu dos seguintes do clubs: Atlético Estación, Agrupación Juvenil de Lérez, Agrupación Cultural e Deportiva A Seca, CD Lérez, Escuela de Fútbol Portero 2000, Integración Deportiva Pontevedra, Pontevedra CF, Salgueiriños CF e San Andrés CF. Aínda que a proposta inicial das entidades era a de asignar o nome de Manolo Barreiro Lores só ao CFHS Xunqueira I, Tino Fernández considerou oportuno que, “por tratarse dun conxunto de instalacións que conforman un complexo deportivo, o máis axeitado sería agrupar os campos da Xunqueira nun complexo e denominalo Complexo Municipal de Fútbol Manolo Barreiro Lores, integrado por dous terreos de F11 e dous de F8”.

Para o tenente de alcalde, “é moi de resaltar que a meirande parte das asociacións deportivas que levan traballando durante anos por e para o fútbol no concello de Pontevedra presente unha iniciativa para homenaxear a un veciño a través da denominación dun campo de fútbol municipal co seu nome”. “Compartimos opinión coas entidades sobre a importancia de facerlle unha merecida homenaxe a unha das persoas máis relevantes no fomento do fútbol base local, ligada a este durante máis de medio século”, sostén o edil socialista.

Máis de 57 anos de traballo altruísta por e para o fútbol

Tal e como apunta o concelleiro de Deportes, Manuel Barreiro Lores (coñecido socialmente como Manolo Barreiro) atópase “entre os cidadáns de Pontevedra que deixaron unha pegada máis profunda no fomento do fútbol entre a sociedade”, adicando “máis da metade da súa dilatada vida a impulsar tanto a súa práctica como algunhas das moitas infraestruturas deportivas que están repartidas polo noso territorio”. Tino Fernández destaca o feito de que “durante máis de 57 anos” estivese traballando “de xeito altruísta, para e polo fútbol, e por conseguinte, para a promoción da actividade física e o deporte entre a nosa poboación”.

“Estivo aportando o seu bo facer no ámbito da organización do deporte dende o ano 1954, primeiro como secretario da Delegación Pontevedresa da Federación Galega de Fútbol e a continuación como delegado, ata a súa ‘retirada deportiva’ no ano 2011, cando contaba con 86 anos. Polos méritos acadados ao longo de tantos e tantos anos, a Federación Galega nomeouno Presidente de Honra da Delegación”, subliña o tenente de alcalde.

Actualmente, aos seus xa 95 anos, Manolo Barreiro segue a ser un asiduo aos terreos de xogo do noso municipio, así como un importante apoio para os clubs. En opinión do voceiro do Grupo Socialista, a iniciativa que se está a tramitar supón non só unha homenaxe “a unha das persoas máis representativas na historia do fútbol local”, senón tamén “a todos aqueles cidadáns que adican, de xeito solidario e altruísta, a meirande parte da súa vida ao ben común e a reforzar os valores máis importantes dunha sociedade, neste caso empregando o fútbol como ferramenta e medio de transmisión deles”.

Os dous campos de herba sintética de fútbol 11 e os dous de fútbol 8 existentes na Xunqueira do Lérez foron construídos en distintas épocas para ir dando resposta á crecente demanda social, resaltando polo seu uso dentro da Rede Básica de Infraestruturas Deportivas Municipais. Dende a creación daquel primeiro histórico campo de terra, o constante investimento do Goberno local permitiu darlle forma ao que xa se pode considerar un complexo deportivo do que forman parte, ademais dos catro terreos de xogo, un Pavillón Multiúsos.