O Concello aproba a licenza de obra para o desmantelamento das instalacións de Elnosa

23
  • As obras de demolición das edificacións do recinto terán un prazo de 6 meses, e darán paso a un proceso de descontaminación do solo 
  • O proxecto ten un custe de 528.000 euros e abrangue unha superficie de máis de 13.500 metros cadrados

A Xunta de Goberno local vén de aprobar a licenza urbanística para a execución das obras de desmantelamento das instalacións de Elnosa, que afectará á maior parte das edificacións do recinto. Sobre este proceso informou a concelleira de Patrimonio Municipal, Carme da Silva, quen aseguroou que “a boa noticia é que estes traballos supoñen un paso moi importante para a recuperación da ría”. Tamén adiantou que estas obras darán paso a un proceso posterior de descontaminación do solo e que “unha vez descontaminado e recuperado o terreo haberá que facer un proxecto de reintegración ao dominio público”.

Da Silva explicou que para proceder á concesión desta licencia, o Concello solicitoulle a Elnosa as autorizacións sectoriais precisas, tanto a ambiental como a de Costas, nas que  xa fixo constar os traballos previos de eliminación dos restos de mercurio de todas as instalacións. Así, as obras consistirán no desmatelamento de todas as edificacións agás o edificio de oficinas, os tanques onde está almacenado o ácido clorhídrico, e a parte de depuradora, tanto o decantador de salmoira como de augas residuais. O proxecto ten un custe de 528.001,22 euros para un recinto que abrangue 13.525 metros cadrados, mentres que o prazo da licenza é de 6 meses e o prazo para comezar as obras será de 3 meses unha vez comunicada a licenza.

As edificacións e equipamentos que non se desmantelen serán utilizados nos traballos posteriores de descontaminación do solo, posto que será necesario que estean funcionando as depuradoras e usar o edificio de oficinas por cuestións de loxística.

As obras implican, ademais, unha parte de supervisión ambiental que está incluído dentro do informe da Xunta, que esixe que se comunique ao ente autonómico todo o proceso tanto da propia obra como da posible emisión de contaminantes. Pola súa banda, o  Concello esixe que co certificado final de obra se comunique que xestores de residuos se fixeron cargo dos distintos residuos, indicando que deben ser xestores autorizados no rexistro da Consellaría de Medio Ambiente.