O reforzo inicial do servizo de limpeza polo Covid-19 terá un custe de 45.000

19
  • A Xunta de Goberno vén de ratificar os decretos do alcalde para a contratación de servizos de emerxencia para a limpeza e desinfección no ámbito rural e urbano e recollida de lixo porta a porta para persoas con positivos
  • Segundo datos da Policía Local, descenden os domicilios con casos positivos e os casos de quebrantamento do estado de alarma

A concelleira de Protección Cidadá, Eva Vilaverde, informou esta mañá que a Xunta de Goberno local vén de ratificar dous decretos do alcalde para a contratación de servizos de emerxencia no relativo a limpeza e desinfección de espazos públicos e de recollida de residuos derivados da crise sanitaria ocasionada polo Covid-19. A contratación dos servizos aos que se refiren os dous decretos suman un total de 44.980,05 euros e implican o incremento do servizo de limpeza que se implementou desde o inicio do estado do alarma. 

O primeiro dos decretos refírese á limpeza e desinfección das instalacións de Raíña da Paz realizada pola empresa Ferrovial e que ascende a 6.842,55 euros. Estes traballos véñense realizando de luns a domingo, 28 horas á semana. O segundo decreto refírese á limpeza e desinfección no ámbito rural e urbano e recollida de residuos derivados da situación sanitaria ocasionada polo Covid-19, cun orzamento 38.137,50 euros. Este servizo realízase a través de cinco equipos. O primeiro actúa en zonas ou puntos críticos e sensibles do ámbito urbano e periurbano, tales como centros de saúde, hospitais, farmacias, supermercados, accesos a estacións de tren e autobuses, exterior do comedor de San Francisco, etc. O segundo equipo está orientado aos colectores e illas de reciclaxe do ámbito urbano e periurbano; o terceiro está orientado a zonas e puntos críticos e sensibles do rural, tales como entornos de centros de saúde como o de Lérez, ou o consultorio médico de Ponte Sampaio, paradas de autobús, etc; o cuarto á limpeza e desinfección específica de dependencias municipais nas que se confirme un posible caso infectado por Covid-19; e o quinto para a recollida porta a porta dos residuos xerados nos domicilios de infectados por Covid-19.

Eva Vilaverde informou que no relativo á recollida porta a porta de lixo para doentes do Covid-19 estanse atendendo 19 domicilios que se corresponden con 32 positivos. A concelleira tamén indicou que se chegaron a atender 26 domicilios e 41 positivos. 

En canto ás denuncias por quebrantar as normas do estado de alarma, asegurou que se mantén o descenso paulatino e que ata o pasado venres se contabilizaron un total de 228 que corresponden a 194 persoas denunciadas.

Por último tamén informou que, neste momento, o Pavillón Multiusos está sendo utilizado como albergue por 6 persoas. Mentres, no albergue de Raíña da Paz xa foi levantada a corentena e permanecen 20 persoas. Neste sentido, cabe salientar que a persoa que estaba hospitalizada por Covid-19 xa foi dada de alta e se reincorporou ao albergue.