Desenvolvemento Sostible reanuda as obras de construción do parque infantil de Médico Ballina

10
  • Tralo parón motivado pola declaración do estado de alarma, a empresa Bricantel España SL retomou os traballos coa creación dos muros perimetrais de contención da zona de xogos

Despois do obrigado parón da actividade motivado pola pandemia do Covid-19, a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural acaba de reanudar as obras de construción do futuro parque infantil da rúa Médico Ballina. Os operarios da empresa adxudicataria do proxecto, a firma Bricantel España SL, están a rematar o formigonado dos muros perimetrais de contención da nova área de lecer para nenos, polo que, toda vez que xa se executaron traballos para explanar os terreos, a montaxe dos elementos de xogo podería iniciarse nos vindeiros días.

As obras puxéronche en marcha o pasado 28 de xaneiro, despois de que o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) puxese fin a unha farragosa tramitación burocrática derivada do mandato anterior coa apertura dos cadeados que pechaban a parcela, de 1.198 metros cadrados. O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, sinala que, se ben o prego de condicións técnicas establece un prazo de execución máximo de tres meses e, polo tanto, “aínda estariamos incluso dentro do calendario previsto”, dadas as circunstancias actuais “haberá que ser flexibles cos prazos”. 

“Coido que, dado que nestes momentos os nenos non poden saír á rúa nin ir xogar aos parques cos seus amigos e cos seus pais, sería un agasallo espléndido para os veciños de Médico Ballina que o parque estivese completamente rematado e listo para o seu uso cando as medidas de confinamento dos máis pequenos se vaian levantando. Ese é agora o noso obxectivo e trataremos de completalo o antes posible”, sostén o socialista.

O proxecto de construción do novo parque infantil suporá un investimento municipal de 157.520,79 euros e estase a desenvolver nunha parcela cedida pola Adif e situada na pasarela sobre as vías do ferrocarril (na marxe dereita da estrada, en dirección Pontevedra-Santiago). A oferta económica presentada pola firma Bricantel rebaixou nun 10% os 175.000 euros que se contemplaban no orzamento inicial, incluíndo ademais no contrato inspeccións integrais anuais, así como compromiso de manter pezas de reposto suficientes por un período de 15 anos dende a instalación do equipo. 

Pavimento amortecedor e unha ampla variedade de xogos

Entre as actuacións proxectadas contémplase a creación dunha zona de estancia destinada aos acompañantes dos rapaces no acceso ao parque, e doutra traseira na que se instalarán os diversos xogos infantís. A área de lecer para a rapazada contará cun peche perimetral, un pavimento amortecedor (formado por céspede artificial e pranchas de entre 35 e 90 milímetros de grosor) e unha ampla variedade de xogos, entre os que se inclúen unha tirolina; un pórtico de randeeiras con dúas cadeiras planas, unha para bebés e outra inclusiva; un bambán con forma de cesto; dous equipos combinados (a xeito de xincana); paneis lúdicos para xogar ao tres e ao catro en raia; un labirinto inclusivo, e varios bambáns con resortes.

A área de descanso disporá de catro bancos, tres papeleiras, unha mesa de de ping-pong, dúas mesas con taboleiros (para xogos de mesa: xadrez e parchís) e bancos incorporados, tres papeleiras e fontes de auga adaptadas a persoas con mobilidade reducida.