O Concello estuda as medidas necesarias para activar as obras

181
  • O obxectivo principal é garantir a seguridade dos traballadores e da veciñanza dos lugares nos que se realicen as obras
  • O Concello ve posibilidades reais de comezar nas vindeiras semanas as obras de reforma de Loureiro Crespo e está analizando fórmulas para evitar, na medida do posible, as molestias que poidan ocasionar ás persoas confinadas
  • Alcalde e equipo técnico municipal mantiveron esta mañá unha primeira xuntanza para activar tanto obras de empresas concesionarias como de empresas con contratos en marcha ou con novos contratos 

“A nosa preocupación maioritaria é que cando se inicien as obras se respecten todos os mecanismos de seguridade para os traballadores e para tamén os veciños dos lugares nos que se realicen” asegurou o alcalde tras a xuntanza co equipo técnico municipal para activar todas as obras que sexa posible. Miguel Anxo Fernández Lores, que estivo acompañado polo concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, e polo director xeral de Mobilidade, Xesús Gómez Viñas e outros responsables de servizos técnicos, asegurou que durante a xuntanza se revisou a situación das obras tanto de empresas concesionarias como de empresas con contratos en marcha ou novos contratos. 

Un dos aspectos que se puxo enriba da mesa, segundo informou Fernández Lores, son as dificultades para retomar esta actividade “por moitas circunstancias que teñen que ver coa situación das propias empresas, porque algunhas están cun ERTE e outras teñen dificultades de subministro, e realmente o retomar toda esa actividade económica vai ser complexo”. Asegurou que desde o Concello “imos poñer todo da nosa parte para activar esa actividade económica, que é necesaria porque estaremos xerando actividade, dando traballo a moita xente e polo tanto minimizando os efectos económicos desta pandemia, no marco sempre de garantir a seguridade da xente que está traballando”.

En base a esta casuística, o alcalde enumerou as obras que, en principio, poderían comezar tanto na presente semana como nas seguintes. No ámbito urbano anunciou “posibilidades reais” de iniciar a obra de reforma de Loureiro Cresto entre finais desta semana e finais da vindeira. Fernández Lores lembrou que “é a obra urbana máis potente que se fixo nunca no Concello”, cun orzamento de preto de 3 millóns de euros e que inclúe todo Loureiro Crespo ata chegar á Avenida de Lugo e todas as perimetrais do barrio do Castañal. Sobre esta obra en concreto, explicou que se está estudando, antes de comezala, a fórmula máis acaída para garantir a seguridade dos traballadores e evitar os aspectos negativos das obras para as persoas confinadas. Entre as opcións mencionou a posibilidade de que a empresa opte “por unha xornada intensiva, pero que non comece ás sete da mañá”, e a posiblidade de que o Concello poña a disposición da empresa algún espazo para cuestións de intendencia, como sería o xantar dos traballadores.

Respecto de outras obras urbanas, indicou que se vai continuar e tratar de rematar en prazo a obra da Ponte do Burgo, que se vai iniciar o parque infantil de Médico Ballina, que se retomarán as obras do edificio municipal de Ferreiros, e as obras de mantemento de espazos públicos urbanos, que comezarán polos puntos nos que os técnicos consideren máis necesario actuar inmediatamente. 

No rural, retomarase o Centro Social de Cacheiro e intentarase iniciar a obra do Centro Social dos Campos. Tamén mencionou un conxunto de pequenas obras adxudicadas a distintas empresas e que suman ao redor de 600.000 euros e, que dependendo das posibilidades que teñan as empresas se inciarían tamén de inmediato.

Ademas, informou que a empresa concesionaria do Ciclo da Auga, Viaqua xa confirmou que a partires de mañá e ao longo desta semana comezará as obras de saneamento de Verducido, de abastecemento de Marcón na conexión co depósito de Castro Senín e de abastecemento de Salcedo. A vindeira semana, ten previsto o inicio do saneamento de Santo André de Xeve, o saneamento de Campañó e obras de abastecemento de Castro Senín, en Mourente. O conxunto destas obras de Viaqua suma ao redor de 20 millóns de euros.