O contrato de mantemento de espazos públicos arranca coa premisa de ter a cidade mellor acondicionada para a volta do confinamento

14
  • Estas actuacións iniciaranse o vindeiro luns baixo estritos protocolos de seguridade e prevención de riscos, tanto para traballadores como para veciñanza 
  • Comezarase a actuar na denominada ‘zona 1’, que abrangue o centro da cidade, por ser onde se prevé maior tránsito de persoas tras o levantamento do estado de alarma

A concelleira responsable do Mantemento dos Espazos Públicos Urbanos, Eva Vilaverde, mantivo esta mañá unha xuntanza co equipo técnico municipal e con responsables da empresa COVSA, adxudicataria deste contrato, para coordinar o inicio destas actuacións en relación aos protocolos de seguridade e prevención de riscos derivados da Covid-19, tanto para traballadores como para veciños e veciñas.

Coa premisa da seguridade,  de velar pola saúde das persoas e de minorizar as molestias das obras para a veciñanza confinada como punto de partida, na xuntanza decidiuse realizar as actuacións máis urxentes e necesarias de cara a ter os espazos urbanos en perfecto estado de revista de cara ao levantamento do estado de alarma. Así, determinouse como data de inicio das actuacións o vindeiro luns, 20 de abril, e comezar pola denominada ‘zona 1’, que abrangue o centro da cidade, por tratarse da zona na que se prevé que sexa onde primeiro se vaia incorporando a xente á rúa tras o confinamento domiciliario. 

En canto ao tipo de actuacións que se realizarán, estarán relacionadas sobre todo cos arranxos de pavimento que poida estar deteriorado, afundido, roto, ou ocasionar algún tipo de risco por outros motivos, aproveitando o menor tránsito de persoas na rúa nestes momentos. Tamén, e atendendo ao descenso de tráfico rodado, se actuará para solventar deterioros e pequenos afundimentos nas entradas de garaxes; así como a revisión e reparación do firme nas contornas dos rexistros (correspondentes a servizos e subministros) para evitar o ruído destas tapas metálicas. Na previsión de actuacións, tamén se contempla o arranxo de elementos de mobiliario urbano que poidan supoñer algún tipo de perigo para as persoas que o utilizan. 

Hai que lembrar que para executar o contrato de mantemento de espazos públicos urbanos, a Concellaría que dirixe Eva Vilaverde, dividiu a cidade en 11 zonas nas  que se inclúen algo máis de 370 rúas e que para a execución das obras durante esta anualidade se destina un orzamento de 450.000 euros. A ‘zona 1’ abranque as rúas máis comerciais da cidade, que son as da contorna de Benito Corbal ata a pasarela por unha banda e ata o Concello por outra.