Retómase a plantación ‘in extremis’ de 2.000 carballos e castiñeiros na Tomba

16
  • Os exemplares destas plantas tiveron que ser ‘aviveirados’ durante dúas semanas en espera de poder ser transplantados ao monte
  • Calcúlase que estes traballos, que se están realizando baixo as medidas de seguridade e prevención esixidas por mor da crise sanitaria, teñan unha duración aproximada de dúas semanas 

Un total de 1.000 exemplares de carballos e 1.000 exemplares de castiñeiros están sendo transplantados ‘in extremis’ no parque forestal da Tomba. Os traballos de plantación, que deben realizarse nun período temporal e cunhas condicións metereolóxicas determinadas, foran interrumpidos na semana do 30 de marzo ao entrar en vigor a prohibición de realizar servizos e actividades non esenciais.

Coa actividade interrumpida, a empresa adxudicataria procedeu a buscar unha solución para as 2.000 plantas que permanecían sen plantar e pasou a ‘aviveiralas’ nos terreos do viveiro onde se almacenaban. Isto é, procedeuse á súa plantación provisional en espera de determinar en que momento se poderían desenterrar para ser transplantadas no monte, en función da duración das medidas de restrición, do estado das propias árbores, e de se as condicións metereolóxicas serían as axeitadas para facelo.

Desde inicios desta semana procedeuse a revisar todas estas plantas para verificar que estivesen en bo estado e comprobouse que reúnen as condicións axeitadas para ser transplantadas ao monte, posto que aínda non comezaran a brotar no terreo provisional (no caso de ter brotado, sería necesario esperar a facer o transplante á seguinte estación na que fose posible facelo que sería no outono). Ademais, o tempo nesta semana non está sendo nin caluroso nin seco senón húmido e con temperaturas frescas, o que posibilitará un mellor enraizamento e crecemento tras o transplante. 

Os traballos, para os que se prevé unha duración de aproximadamente dúas semanas, están sendo realizados atendendo ás medidas de seguridade e prevención establecidos para evitar a propagación do Covid-19. Neste momento están traballando cinco persoas que combinan tarefas manuais co manexo de dúas retroexcavadoras, coas que se prepara o terreo para a plantación.

Hai que lembrar que a actuación no parque forestal da Tomba contempla manter as árbores existentes -agás as especies invasoras, que están sendo eliminadas- e a plantación de 25.000 novos exemplares de diversas especies, maioritariamente castiñeiros e carballos. Tamén está prevista unha plantación de 5.000 oliveiras que formarán parte dun proxecto experimental de aproveitamento produtivo. Por último, acondicionaranse 17 quilómetros de sendas, das que 1,1 km poderán ser transitadas por coches e 15,9 serán para peóns e de convivencia (segundo os tramos) con ciclistas e paseo. O prazo de execución deste proxecto , adxudicado a Elsamex, abranque ata final de ano e afecta a 82 hectáreas.