O teléfono de axuda psicolóxica habilitado por Benestar Social a través da Fundación Meniños recibiu chamadas tódolos días dende a súa posta en funcionamento

30
  • A meirande parte das demandas de asistencia foron efectuadas por nais que solicitaban atención psicolóxica para os seus fillos adolescentes por dificultades para facerlle fronte ao confinamento

O teléfono de apoio psicolóxico ás familias habilitado pola Concellería de Benestar Social a través da Fundación Meniños atendeu chamadas tódolos días dende a súa posta en funcionamento, o pasado 29 de marzo. A meirande parte das demandas de asistencia foron efectuadas por nais que solicitaban apoio emocional e atención psicolóxica para os seus fillos adolescentes por dificultades para facerlle fronte ao confinamento. 

O teléfono está a ser atendido por un equipo da Fundación Meniños conformado por un psicólogo, unha educadora social e unha traballadora social de luns a domingo en horario de 10:00 a 14:00 horas. A concelleira de Benestar Social, Paloma Castro, asegura que os profesionais desta asociación manteñen un seguimento semanal dos mozos “para apoialos emocionalmente e ofrecerlles ferramentas útiles para afrontar este encerro”, que os adolescentes, “para os que ter vida social e saír cos amigos resulta esencial”, están a sufrir especialmente.

Segundo explica a socialista, moitas das 25 chamadas e videochamadas atendidas nestes días tiñan que ver con persoas maiores que se atopaban soas e que precisaban de respaldo psicolóxico. “As chamadas foron realizadas por familiares que estaban confinados fóra da nosa comunidade autónoma e que amosaban preocupación pola situación dos seus pais e nais. Tamén nestes casos se está a levar a cabo un seguimento continuo con esas persoas para ofrecerlles apoio e atender as posibles necesidades que poidan xurdir”, apunta Castro.

As restantes solicitudes rexistradas estiveron relacionadas con peticións de información sobre cuestións como mobilidade (desprazamentos), axudas sociais, recursos educativos, situación laboral…

A liña telefónica de Meniños (678 75 49 33) continuará activa durante o confinamento para todas aquelas persoas empadroadas no concello de Pontevedra.