O Concello promove unha campaña de fomento do libro galego e das librarías de Pontevedra

148
  • O obxectivo é promover o apoio ás librarías locais como puntos de intercambio de coñecemento e cultura e concienciar á cidadanía da importancia de mercar os libros no comercio de proximidade
  • Participarán as libreiras e libreiros da cidade e diversas persoas vinculadas ao mundo da escrita e da cultura

A Concellaría de Dinamización Sociocultural, que xestiona Carme da Silva, inicia a partires de mañá, co gallo do Día do Libro, a campaña virtual #ganasdelibrarias, co obxecto de fomentar a lectura do libro galego e promover o apoio ás librarías de Pontevedra como elementos imprescindibles do tecido empresarial cultural da cidade.

Baixo o cancelo #ganasdelibrarias, a campaña prolongarase durante o mes de maio, o mes da lingua galega, e consistirá na difusión de pequenos vídeos nos que os libreiros e libreiras da cidade, así como diversas persoas vinculadas ao sector do libro e da cultura, recomendarán á cidadanía un libro en galego. Estas propostas de lectura serán difundidas a través das redes sociais do Concello e da Festa dos Libros.

A inciativa xorde por entender que a pesar do peche forzado da súa actividade a causa da crisis sanitaria da Covid-19, as librarías non paran e continúan traballando con esta actividade virtual na que se procura reforzar o seu labor de divulgación e intercambio de coñecemento e cultura, e non unicamente como puntos de venda.

O obxectivo útlimo da campaña é o de reforzar a idea de que a mellor maneira de colaborar co sostemento do tecido cultural libreiro é volver mercar nas nosas librarías de sempre, cando poidan abrir a súas portas, aproveitando a valiosa recomendación dos nosos libreiros e libreiras e a experiencia persoal de visitar unha libraría.