A crise sanitaria da Covid-19 obriga á Concellería de Deportes a buscar unha data alternativa para a celebración da carreira do Circuíto Ponle Freno

100
  • Atresmedia Eventos asegura nunha misiva que, pese a que tiñan a Pontevedra “como a gran esperanza”, as posibilidades de realizar a proba o 20 de xuño son “practicamente nulas”
  • O departamento que dirixe Tino Fernández tamén estuda a posibilidade de que a iniciativa se poida desenvolver cun formato de accións de promoción da actividade física

Nun contexto de incerteza, no que se suspendeu o calendario de carreiras profesionais e populares, a crise sanitaria da Covid-19 obrigou á Concellería de Deportes a buscar unha data alternativa para a celebración da carreira do Circuíto Ponle Freno, impulsado por Atresmedia e AXA Seguros en colaboración con sete cidades españolas. A decisión foi transmitida ao departamento que dirixe Tino Fernández a través dunha misiva na que o máximo responsable de Atresmedia Eventos, Pablo Gálvez, admite que, se ben tiñan a Pontevedra “como a gran esperanza, por se-la última do primeiro semestre do ano, está claro que cada día que pasa a incerteza é maior e as posibilidades de realizar a proba o 20 de xuño practicamente nulas”.

Como se fixo con outras cidades cuxa carreira estaba prevista para este primeiro semestre (Badalona, As Palmas de Gran Canaria, Zaragoza e Málaga), Gálvez plantéxalle ao Concello de Pontevedra a posibilidade de buscar “unha segunda data no segundo semestre de 2020”, unha opción que “virá marcada polas limitacións que estipule o Goberno para este tipo de eventos”. De xeito complementario, os organizadores están a desenvolver nestes días novos modelos de carreiras virtuais, cos que, como sinalan na carta, “teremos que comezar a convivir”.

Tino Fernández explica que o Servizo Municipal de Deportes, coordinado por Jaime Agulló, está a estudar non só posibles datas para adiar a proba, senón tamén “outras opcións, como que, no caso de que non se puidese celebrar en formato de carreira, se enfoque por exemplo como diversas accións de promoción da actividade física a través de Ponle Freno”.