Lores demanda unha desescalada que atenda as “especificidades de cada zona”

150
  • O alcalde valora positivamente a menor incidencia de casos positivos de Covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e felicita á poboación polo comportamento responsable
  • Volve incidir na necesidade de derrogar a Lei Montoro para que os Concellos poidan destinar a totalidade dos seus recursos a investimentos e a atender as necesidades sociais tras o estado de alarma
  • Nas últimas 5 semanas, o Concello de Pontevedra realizou pagos a provedores por un importe de 9 millóns de euros

Miguel Anxo Fernández Lores compareceu esta mañá para transmitirlle á poboación e aos traballadores e traballadoras de sectores esenciais, os seus parabéns polo comportamento responsable durante o estado de alarma. “Quero darlle os parabéns a todos os veciños e veciñas de Pontevedra e facerlos extensivos incluso tamén a toda a área sanitaria de Pontevedra, porque é a área sanitaria que ten menor incidencia de casos positivos e de mortos por coronavirus” afirmou. O alcalde vinculou esta baixa incidencia do Covid-19 co cumprimento das normas por parte organizacións sociais, traballadores sanitarios, de subministros varios, de limpeza ou o servizo de axuda no fogar.

Fernández Lores indicou que a desescalada “está cada vez máis cerca” e como indicativo disto mencionou o feito de que este domingo xa se permitirá a saída dos nenos e nenas á rúa, unha situación para que pediu “a mesma responsabilidade que estivemos tendo  ata agora, e por iso temos os resultados que temos”. Respecto á desescalada, tamén afirmou que “creo, humildemente como alcalde, que debe facerse por Comunidades Autónomas en colaboración cos Concellos, atendendo ao coñecemento que cada Comunidade Autónoma ten do seu territorio e atendendo tamén ás especificidades dos asentamentos poboacionais e mesmo á incidencia da pandemia”. A este respecto asegurou que “non é o mesmo Madrid que Galiza, nin é o mesmo Lalín que Vigo, nin Pontevedra que Forcarei”. Neste sentido, insistiu en que “a experiencia de distintos países e de actuacións feitas no seu día fainos pensar que os que coñecen mellor a situación en cada territorio son os que teñen que tomar decisións dentro dun marco xeral que obviamente lle corresponde ao Estado”. 

Fernández Lores tamén afirmou estar preocupado polo día despois “e sobre todo desde o punto de vista social e económico”. Neste aspecto, volveu referirse á intención do Concello de utilizar os remanentes e o superávit municipais “para activar a economía e atender as necesidades das persoas que máis o necesiten”. Para isto, volveu reclamar a derrogación da Lei Montoro, o que implicaría a supresión do teito de gasto e poder destinar remanentes a investimentos. O alcalde explicou que neste momento e a pesares dun inicio de acordo entre a FEMP e o Estado para a utilización de remanentes “non está claro que se poidan destinar a investimento”. “Entendemos que, aparte de atender as demandas sociais que poida haber, os investimentos son absolutamente imprescindibles e necesarios para a xeración de emprego e para activar a actividade económica” afirmou.

Pagos a provedores

Fernández Lores tamén tivo palabras de agradecemento para os servizos económicos do Concello e para o traballo dos funcionarios municipais e anunciou que nas últimas 5 semanas o Concello realizou pagos a provedores por valor de 9 millóns de euros, o que enmarcou no compromiso do goberno municipal de axilizar pagamentos e inxectar a máxima liquidez posible na economía local. Tamén lembrou que se levan realizadas tramitacións administrativas para proxectos para o día despois por un importe que se sitúa o redor dos 11 millóns de euros.

Tamén lembrou que o Concello de Pontevedra adiou todas as taxas municipais, desde o recibo do primeiro bimestre de auga, lixo e sumidoiros, pasando pola venda ambulante e mercados -non se cobrarán os non celebrados-, ata o imposto de vehículos e a taxa de terrazas e veladores. No caso concreto de terrazas e veladores, indicou que probablemente se faga unha redución substancial desa taxa dependendo da duración do estado de alarma. “O que si quero dicir expresamente é que mentres dure o estado de alarma ninguén vai ter que pagar obrigatoriamente ningunha das taxas municipais que afectan á meirande parte da poboación” insistiu.

Por último, afirmou que “desde o Concello, creo que estamos a facer o que temos que facer, desde a coordinación indiscutible e necesaria coas autoridades competentes  ata manter os servizos municipais esenciais”. Neste sentido, salientou especialmente a área de Servizos Sociais e o traballo de Protección Civil, onde destacou as chamadas regulares ás 3.400 persoas de máis de 65 anos que viven soas na cidade de Pontevedra, ata manter os servizos fundamentais de auga, de lixo, de limpeza viaria, ou de mantemento de espazos públicos.