Parques e Xardíns prevé que as zonas verdes de Pontevedra poidan estar como antes da declaración do estado de alarma no prazo de dúas semanas

17
  • O departamento que dirixe Iván Puentes pon en marcha un zafarrancho de sega e limpeza de espazos verdes. Os operarios deixan en perfectas condicións o contorno de Santa María

Co obxectivo de que os nenos e nenas poidan dispoñer da zonas verdes de Pontevedra en perfectas condicións para o seu uso e desfrute, a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural intensificou nos últimos días as tarefas de acondicionamento destes espazos. O Servizo Municipal de Parques e Xardíns puxo en marcha un zafarrancho de segas e mellora de áreas de esparexemento co que se prevé acadar o estado normalizado de conservación previo á declaración do estado de alarma no prazo de dúas semanas.

A primeira destas intervencións levouse a cabo nas zonas verdes do contorno da Basílica de Santa María La Mayor, cuxos parterres quedaron en óptimas condicións despois de que os traballadores do departamento que dirixe Iván Puentes cortaran e limparan en profundidade o céspede (no que as herbas xa lucían unha altura considerable). O concelleiro socialista lembra que o período de confinamento “reduciu o ritmo normal dos traballos”, limitándoo a accións de conservación e mantemento “que impediran posibles focos de infección”. 

“Houbo quen non entendía que se cortara o céspede nestes momentos, pero o que algúns chaman ‘cortar o céspede’ é un labor indispensable para evitar a propagación da Covid-19. Non tería ningún sentido que a empresa concesionaria da limpeza ou a Brilat fixeran tarefas de desinfección imprescindibles nas rúas e, sen embargo, non se efectuase a correspondente limpeza e mantemento dos xardíns lindeiros”, subliña o edil de Desenvolvemento Sostible.

Iván Puentes agarda que, agora que se están a levantar as medidas de confinamento para pequenos, maiores e cidadanía en xeral, o zafarrancho posto en marcha permita “recuperar e conservar o estado que os espazos verdes tiñan antes do confinamento”. Tal e como matiza, dado que os parques infantís continúan pechados e precintados, “manter as nosas áreas de esparexemento e lecer en perfectas condicións resulta esencial nestes intres, tanto para os máis pequenos como para os adultos que vaian facer deporte a partir deste sábado ou os maiores que queiran saír dar un paseo”.