Medio Natural completa un novo tratamento da praga do picudo vermello nas palmeiras coa axuda dun camión-grúa cun brazo de 50 metros

5
  • A empresa especializada en control de pragas Galides SL foi contratada polo Servizo de Parques e Xardíns para realizar estas terapias fitosanitarias cun orzamento de 14.500 euros

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural ven de completar novos tratamentos para previr o ataque da praga do picudo vermello nas palmeiras dos principais parques históricos do centro da cidade. A intervención foi completada polo departamento que dirixe Iván Puentes coa axuda dun camión-grúa cun brazo extensible que pode acadar os 50 metros de altura, o que permitiu levar a cabo unha revisión exhaustiva do estado sanitario das árbores ‘in situ’ e constatar que todas continúan sas e sen presenza de verme. 

Os tratamentos fitosanitarios foron realizados pola empresa Galides SL, especializada en control de pragas de desinfección, contratada polo Servizo de Parques e Xardíns cun orzamento anual global de 14.500 euros. Segundo apunta o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, “as palmeiras canarias dos Xardíns de Vincenti e doutros do centro, como os de Marescot, son un dos elementos vexetais de maior valor ornamental, histórico e sentimental da cidade e representa unha prioridade seguir conservando intacto este patrimonio”.

“Orixinarias na creación dos espazos verdes do centro urbano e da Alameda, as palmeiras pertencen á época do impulso de Pontevedra a partir de mediados do século XIX, coa construción dos grandes edificios públicos, como a Casa Consistorial, o Pazo Provincial… Tanto pola súa lonxevidade centenaria como polo seu impoñente porte, teñen un valor singular e monumental”, sinala o edil do PSOE.