Lores participa mañá nun encontro para abordar a reconstrución das cidades na entidade Climate Reality Project de Al Gore

40

Participará xunto ao alcalde de Vitoria e unha arquitecta de Harvard, para abordar “Agora ou nunca: cidades sostibles”

A crise do coronavirus obrigará ás cidades a cambiar os seus modelos urbanos tal e como xa trataran de aplicar Milán ou Nova Iorque.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores participa mañá pola tarde nunha videoconferencia coa entidade Climate Reality Project creada polo activista, premio nobel e exvicepresidente norteamericano Al Gore, para abordar o futuro das cidades no mundo, dado o cuestionamento que están a ter na actualidade os modelos urbanos con motivo da crise sanitaria da Covid-19 e o obrigado cambio que precisan como xa tratan de poñer en marcha grandes cidades como Nova Iorque ou Milán, entre outras.

Pontevedra foi convidada polo equipo en España Climate Reality Project Europe a participar nesta conversa co alcalde de Vitoria Gorka Urtaran, e a arquitecta e profesora de Harvard, Belinda Tato, para abordar “Agora ou nunca: cidades sostibles”. Moderado pola líder climática Susana Bayo.

O equipo en España presentou un decálogo de liñas de acción para lograr un futuro verde que se pode consultar neste enlace:https://cutt.ly/UyeaOsm.

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores explicou hoxe que “a pandemia puxo na actualidade a necesidade crear cidades sostibles e cidades para as persoas. Hai gran debate social a nivel mundial sobre como deben ser as cidades despois do coronavirus”.

Lembrou que Pontevedra ten moito avanzado nos últimos 20 anos “e agora nos damos conta de que o espazo público é insuficiente para cumprir as medidas de seguridade para saír á rúa”. Afirmou que “aportaremos ao debate a nosa experiencia, especialmente para as persoas con máis necesidade: recuperar o espazo público e mellorar a calidade de vida de tal xeito a espansión dunha epidemia destas características sexa moito menor”.

A conferencia comezará ás 17.00 horas e é aberta ao público a través da plataforma Zoom, no enlace:

https://climatereality.zoom.us/j/93332247910

O contrasinal é: Spain2

Dende a ONG tamén tratarán en futuras sesións outros temas como o apoio ás enerxías renovables, o impulso á mobilidade non contaminante, protexer e rexenerar a biodiversidade, agricultura sostible e soberanía alimentaria, augas limpas, economía circular, turismo circular ou traballo e industria máis sostibles.