O Concello recoñece o traballo “inmenso e imprescindible” de Protección Civil durante a crise sanitaria

13
  • O alcalde e a concelleira de Protección Cidadá visitaron esta mañá a sede desta agrupación de voluntarios para agradecer a súa implicación no apoio a colectivos máis vulnerables

Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Protección Cidadá, Eva Vilaverde, visitaron esta mañá a sede da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil para, en palabras do alcalde “recoñecer desde o Concello o traballo inmenso e imprescindible que están facendo”. Fernández Lores asegurou que o seu labor é “fundamental e viñemos facerlle un agradecemento expreso da cidadanía de Pontevedra, como representantes de todos os veciños, e agradecerlles esa dedicación e ese traballo que é absolutamente excepcional e fundamental nesta crise.”

Así, tanto o alcalde como o presidente de Protección Civil, Hermenegildo Rodríguez Novoa, fixeron un repaso polas principais accións que realizan durante este período e que están orientadas a atender e dar cobertura, maioritariamente, a colectivos vulnerables. Entre estas tarefas citaron o reparto de comida a través dos comedores sociais, a compra de alimentos e medicinas para persoas que viven soas e que non poden desprazarse, ou a distribución de deberes escolares para as familias que carecen de acceso a tecnoloxías dixitais. O alcalde explicou que Protección Civil está traballando con 30 voluntarios “que de momento son suficientes e, en todo caso, hai unha lista de xente voluntaria anotada por se fixera falta á que tamén llo agradecemos moito”. Ademais, Fernández Lores volveu facer referencia que a área sanitaria de Pontevedra está tendo uns datos de incidencia da Covid-19 por debaixo da media das áreas sanitarias de Galiza e indicou que “eu penso que iso todo é debido ao traballo de xente como o persoal de Protección Civil e de todos os sectores de servizos esenciais, sexan persoal sanitario ou sexan empresas concesionarias, ou forzas de seguridade e control”. Insistiu en que o comportamento da cidadanía está sendo, en liñas xerais, “especialmente exquisito e maioritariamente correspondente ás medidas que se tomaron pola autoridade competente” e pediu que se siga mantendo porque “canto máis respectemos as normas e máis posible que os efectos negativos sexan menores”.

Desde o inicio do estado de alarma, a agrupación de Protección Civil, baixo a Dirección Xeral de Protección Cidadá e en coordinación directa co departamento de Servizos Sociais foi un piar fundamental para implementar os servizos e axudas destinados a diferentes sectores. Así, participan na preparación e reparto de comidas no comedor social de San Francisco; no traslado dos menús diarios aos albergues para as persoas “sen teito”, tanto en Raíña da Paz como no Multiusos da Xunqueira; colaboran co Secretariado xitano para o reparto a domicilio dúas veces á semana dos deberes para 20 nenos e nenas; reparten os menús entre as familias en situación de risco que teñen nenos e nenas becadas nos comedores escolares; realizan servizos asistenciais a persoas soas e vulnerables (levan atendido arredor de 100 persoas: o 90% compras en supermercados ou farmacias e o resto peticións diversas); participan tamén na preparación e reparto dos pedidos do Banco de alimentos de San Bartolomeu; e colaboran coa Subdelegación do Goberno para o reparto de máscaras entre traballadores e persoas usuarias de transporte público.