As dependencias municipais de Michelena 30 reformúlanse de cara a apertura ao público

305
  • O alcalde anunciou a reforma da planta baixa de cara a garantir máis amplitude nos espazos de espera, a individualización dos postos de atención e a mellora dos fluxos de circulación das persoas
  • Durante os dous meses que duren as obras, que comezarán o 18 de maio, o Padrón de habitantes e o Rexistro trasladaranse á Casa da Luz
  • Fernández Lores considera a recuperación do espazo público levada a cabo en Pontevedra nas últimas décadas como unha gran vantaxe á hora de ampliar o espazo dedicado a veladores e terrazas

Miguel Anxo Fernández Lores vén de anunciar que o Concello leva traballando, desde o primeiro día do estado de alarma, na reorganización e no funcionamento do Concello de cara ao denominado ‘día despois’. Así, o alcalde anunciou que a planta baixa das dependencias municipais de Michelena 30 serán reformadas para adaptarse ás novas medidas de seguridade xurdidas no marco da crise sanitaria, ao tempo que se implementarán fórmulas como a cita previa e a atención por videoconferencia naqueles casos que sexa posible. 

Fernández Lores fixo especial fincapé en que “no Goberno do Concello de Pontevedra estamos traballando sistematicamente desde o primeiro día do estado de alarma”, e lembrou que “a nosa posición global a respeito do traballo político das distintas Administracións é que ten que ser un traballo político a ‘full time’ pero con sensatez, prudencia e responsabilidade”. Cualificou as actuais circunstancias como “unha situación descoñecida, cambiante, e que depende de moitísimos factores”, entre os que citou “a situación sanitaria da pandemia, que é algo prioritario para nós; as decisicións que o Goberno estatal toma a respeito do estado de alarma; e a preocupación perfectamente xustificada pola situación económica e social que vai vir como consecuencia do estado de alarma”.

Neste marco, o alcalde puxo en valor o traballo realizado polas traballadoras e traballadores públicos para afrontar os cambios que esta nova situación esixe, como é a reformulación de espazos físicos e a implementación de novas fórmulas de atención para reabrir as distintas dependencias ao público.

Separación de accesos e atención individualizada

Entre as principais novidades da reforma da planta baixa de Michelena 30 sitúase a separación de accesos, xa que o proxecto contempla un acceso específico para os servizos de Rexistro e Padrón de habitantes e outro acceso independente para o resto das dependencias do inmoble. A actuación tamén vai encamiñada a individualizar os postos de traballo para respectar as distancias e posibilitar a atención de máis persoas en condicións de seguridade, ampliando o espazo de espera (trabállase cunha distancia de seguridade de 2 metros) e mellorando os fluxos de circulación na planta.

O alcalde esegurou que esta reforma responde a unha das prioridades deste mandato que é a modernización e a axilización da Administración local e que ademais “estas modificacións veñen para quedarse”, polo que ademais das melloras no espazo físico se manterá o sistema de citas previas e a atención por videoconferencia. 

A obra, cuxo comezo está previsto para o 18 de maio, ten un orzamento de 226.119 euros, será executada polo procedemento de emerxencia e solicitaráselle orzamento a tres empresas locais. O proxecto tamén correu a cargo dun estudo de arquitectura local, e para o mobiliario e subministros tamén está previsto acudir a provedores locais.

Durante os dous meses de duración das obras, os servizos de Rexistro e Padrón de habitantes serán trasladados provisionalmente á Casa da Luz. 

O alcalde incidiu que esta actuación se enmarca na protección da saúde e da seguridade tanto dos funcionarios e funcionarias como da cidadanía que fai uso das instalacións municipais. Tamén lembrou que, neste período, se revisaron a totalidade de locais municipais e se estableceron as medidas correctoras para respetar a distancia de seguridade de 2 metros, tanto a través da reorganización do espazo como mediante a colocación de mamparas  e outros elementos.

Por último, o acalde tamén informou de que a data que manexa o Concello para o remate da obra do edificio municipal de Ferreiros é o 31 de maio e que o traslado está previsto realizalo nas primeiras semanas de xuño. 

Ampliación espazos para veladores

A preguntas dos xornalistas sobre a demanda de ampliar espazos públicos para veladores e terrazas, Fernández Lores afirmou que “non vai haber dúbida nese sentido, se é posible ampliar espazos públicos, ampliarémolos de forma excepcional para facilitar a actividade económica da hostelería e do comercio”. O alcalde asegurou ser coñecedor da “preocupación no sector da hostelería e o do comercio sobre a incorporación á actividade” e a este respecto indicou que “afortunadamente en Pontevedra temos o traballo bastante avanzado neste sentido e temos que dicir, humildemente, que somos uns privilexiados porque temos unha recuperación de espazo público xa levada a cabo ao longo das últimas dúas décadas”. Neste sentido, asegurou que “estamos dispostos a estudar e a propoñer ampliar espazos destinados a veladores, para que se poidan cumprir as condicións de seguridade por parte dos traballadores e das persoas que se acheguen a gozar tanto do espazo público e como das actividades económicas e de esparcimento”.