O alivio das medidas de confinamento trae consigo a reapertura das hortas urbanas comunitarias de Pontevedra a partir deste sábado 2 de abril

60
  • Medio Natural instalará dispensadores de hidroalcol e só permitirá aos 53 usuarios acudir un máximo de dous días por semana e unha hora por día, levando luvas e mascarilla en todo momento
  • O número máximo de persoas que poderán estar simultaneamente no horto será de dous usuarios no caso do verxel do Mirador de Monte Porreiro e de catro no da Finca de Conde Bugallal

Os 53 usuarios das hortas urbanas do Mirador de Monte Porreiro e a Finca de Conde Bugallal poderán volver acceder a elas a partir deste sábado 2 de abril, coincidindo co alivio das medidas de confinamento por parte do Goberno central. Tras consultar cos servizos xurídicos do Concello os pormenores legais da fase preparatoria de desescalada en relación á atención de hortas familiares, municipais e de autoconsumo (no mesmo termo municipal do domicilio), a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural informou hoxe aos concesionarios de que poderán retomar o uso destes verxeis comunitarios sempre que respecten as directrices estipuladas pola Xunta e a Administración local no que atinxe a normas sanitarias e de desprazamento.

Tal e como sinala o responsable do departamento municipal, o socialista Iván Puentes, a medida adoptouse unha vez garantido que os 16 usuarios da horta do Mirador e os 37 do de Conde Bugallal contan coas axeitadas condicións de seguridade para poder traballar nestes espazos. Con tal motivo, o Servizo Municipal de Medio Ambiente e a empresa encargada da xestión dos verxeis, Feito Pontevedra SL, puxeron a disposición dos concesionarios un modelo de declaración responsable para xustificar a necesidade de desprazamento e un documento no que se recollen as normas de uso durante a vixencia das medidas especiais de loita contra a Covid-19.

Entre as disposicións que estableceu a Concellería de Desenvolvemento Sostible lémbrase que “o correcto uso das hortas e o cumprimento das normas e medidas de prevención establecidas quedan baixo a única responsabilidade de cada un dos usuarios/as, quedando o Concello liberado de calquera responsabilidade por posibles infeccións ou contaxios”. “Cada persoa poderá acudir á horta, como máximo, unha hora ao día e dous días por semana; será obrigatorio o uso de mascarilla e luvas durante todo o tempo que se permaneza no interior da horta, cando se estea en contacto co material e cos apeiros empregados no mesmo e tamén no almacén de material, e por suposto, haberá que respectar a distancia social cos outros usuarios, mantendo en todo momento unha separación mínima de 2 metros entre eles”, apunta Iván Puentes.

Asemade, os concesionarios deberán reservar con anterioridade a cada visita o día e a franxa horaria concreta na que desexen acudir á horta. Para a primeira quenda irase chamando telefonicamente aos usuarios por orde de numeración de parcela, pedíndolles que elixan día e hora. Posteriormente, a empresa Feito deixará no lugar un ‘estadillo’ para que os solicitantes poidan anotar directamente o seu nome nas xornadas e franxas que queden libres.

Unha persoa por bancal

Entre as normas de obrigado cumprimento, o Servizo de Medio Ambiente decretou que “en cada bancal só poderá estar traballando unha persoa” e que “o número máximo de persoas que poden estar simultaneamente na horta será de dous no caso do verxel do Miradoiro e de catro no de Conde Bugallal”. Todo material e ferramenta comunitaria debe desinfectarse antes do seu uso, utilizando para elo a solución hidroalcoólica de superficies posta a disposición dos usuarios (a tal efecto, a Concellería dotou ás instalacións de dispensadores).

O material particular gardado no almacén débese retirar, sendo traído  ás hortas polos usuarios cada vez que precisen empregalos e non podendo entrar en contacto co material común en ningún momento. A zona de almacén será desinfectada periodicamente cun produto que pode ser prexudicial para o material téxtil, polo que tódalas pertenzas particulares non retiradas polos seus donos serán retiradas polos responsables da horta e gardadas noutro espazo ata o levantamento das medidas especiais de loita contra a Covid-19 (momento no que serán devoltas ao almacén).

Iván Puentes advirte de que “calquera incumprimento destas normas pode levar á perda do dereito de cesión da horta urbana con carácter inmediato e indefinido” e lembra que, en base á Orde da Xunta, a declaración responsable terá que especificar (así o fai o modelo facilitado pola Administración local) que “dado o seu destino a cultivo unicamente ecolóxico, nas hortas comunitarias municipais do Concello de Pontevedra non está permitido o uso de produtos fitosanitarios”. “Ten que poñerse de manifesto que os cultivos están destinados ao autoconsumo, que non se desenvolve unha actividade profesional agraria, que os desprazamentos non superan os cinco quilómetros dende o domicilio e que non se dispón de carné de manipulador de produtos fitosanitarios”, aclara o concelleiro do PSOE.