Unha única fianza de 300.000 euros para axilizar a tramitación de obras na rede de enerxía eléctrica

4
  • Trátase dunha fianza “para asegurar a perfecta construción ou reposición de beirarrúas e servizos municipais que puideran resultar afectados durante a execución das obras”
  • Este aval cubre as obras que a empresa Unión Fenosa Distribución ten previsto levar a cabo no ámbito do Concello de Pontevedra e substitúe as fianzas parciais de cada unha das actuacións

O Concello, mediante acordo da Xunta de Goberno local, vén de aprobar a solicitude da empresa Unión Fenosa Distribución de substituír as fianzas parciais de cada unha das obras relativas ao subministro de enerxía eléctrica por un único aval global, co obxecto de axilizar a tramitación das autorizacións para estas intervencións. O depósito deste aval global ascende a 300.000 euros, e responde a todas as obras de despregamento, distribución, subministro e reparación de instalacións de enerxía eléctrica que realice no ámbito do Concello de Pontevedra, co obxecivo xeral de “asegurar a perfecta construción ou reposición, no seu caso, da beirarrúa ou/e servizos municipais que puideran resultar afectados durante a execución das obras”.

Este importe foi calculado en base á suma das fianzas parciais achegadas polas obras acometidas durante o ano 2019, e que asecendeu a 291.187,02 euros. Agora, ao optar por un único aval global redúcense os trámites administrativos na execución dun tipo de obras esenciais e prioritarias para subsanar recurrentes problemas de caída de subministro, por mor de que nalgúns puntos do Concello tanto a rede como as instalacións de enerxía eléctrica presentan serias deficiencias ou quedaron obsoletas. 

O documento que certifica o acordo especifica que o importe da fianza se establece polas oficinas técnicas municipais en función dos metros lineais e o tipo de pavimentación e anchura dos espazos afectados, para responder dos danos que se puidesen ocasionar no patrimonio municipal. En canto á reposición do viario establece a obriga de repoñer o espazo ou vía pública nas condicións que sinalen as oficinas técnicas municipais, en todo o ancho e longo da beirarrúa ou carril de circulación afectados ou, de toda a calzada, en carrís de menos de 3 metros de ancho.

Mentres, en gabias executadas en cruzamentos establece a obriga de repoñer unha franxa de 5 metros a cada lado da gabia e, no caso de rotondas, a reposición establécese nunha lonxitude de 10 metros a cada lado do corte e nun ancho de un ou dus carrís, segundo proceda.