Normalidade na primeira fin de semana da desescalada

27
  • A concelleira de Protección Cidadá pide que se manteña a prudencia e a responsabilidade nas saídas e lembra que os espazos públicos en Pontevedra facilitan as medidas de prevención e as distancias sociais
  • Policía Local e Protección Civil colaboran no reparto de máscaras nos polígonos do Campiño e O Vao, na ponte das Palabras e na parada de autobuses da praza de Galiza

A concelleira de Protección Cidadá, Eva Vilaverde asegurou esta mañá que o inicio da desescalada en Pontevedra se realizou dentro da normalidade e cumprindo, na maioría dos casos, coa distancia social e as medidas de prevención. “Percibiuse unha certa aglomeración de persoas en determinados lugares e horarios pero iso é normal, niso consiste a desescalada, que a xente volva ás rúas e aos espazos públicos” afirmou.

A concelleira explicou que foi o sábado o día de máis afluencia por coincidir varios factores, entre os que citou “que era día de compras entre festivos, previo ao Día da Nai e primeiro día de saídas para facer deporte e paseos en franxas horarias”. En canto aos lugares máis frecuentados, indicou que para facer deporte os lugares elixidos foron o paseo de Beiramar, a senda do Gafos e a zona da illa do Covo, mentres que a xente maior utilizou máis o centro urbano. Eva Vilaverde volveu incidir na petición de “prudencia e responsabilidade á hora de saír á rúa” e lembrou que en Pontevedra “hai facilidade para manter as distancias sociais polo feito de que existen espazos públicos amplos, e iso facilita moito máis convivir nos paseos e que se manteña a distancia”. 

Tamén informou que no día de hoxe a Policía Local e Protección Civil están colaborando no reparto de 4.100 máscaras baixo a coordinación da Subdelegación do Goberno. Así, a Policía Local fixo un reparto nos polígonos do Campiño e do Vao e na ponte das Palabras en Monte Porreiro; mentres que Protección Cilvil repartiu na para de autobús na praza de Galicia pola mañá e volverá facer un reparto pola tarde.

En canto ao número de denuncias por infrinxir o estado de alarma, desde o 14 de marzo ata o 3 de maio, a Policía Local leva contabilizadas 476 denuncias, das cales tan só 14 corresponden á pasada fin de semana. A recollida de lixo para doentes por positivo en Covid-19, neste momento, estase prestando en tan só 5 domicilios. 

En relación á crise sanitaria do Covid-19, Eva Vilaverde tamén informou que a Xunta de Goberno local na súa sesión ordinaria de hoxe vén de ratificar o decreto do alcalde para realización por emerxencia dos servizos de desinfección de vehículos municipais para brigadas, cemiterios e resto de servizos. Este servizo, realizado por Car Blix Ibérica SL, préstase a 22 vehículos e ten un importe estimado inicial de 1.064,80 euros por dúas semanas. Neste orzamento non se inclúen os vehículos de Policía Local, Bombeiros e Protección Civil posto que contan cos seus propios protocolos específicos.