Medio Natural destina case 48.000 € á contratación do proxecto para construír o primeiro parque canino de Pontevedra nos antigos terreos de Tafisa

230
  • A Concellería de Desenvolvemento Sostible confiou a obra á firma especializada Naturgalia, que dotará á área de paseo e xogo para cans de diversos elementos de exercicio e dunha pérgola
  • O equipamento ocupará uns 4.300 metros cadrados e contará cun peche perimetral de malla translúcido, pavimento de xabre estabilizado, tres bancos, luminarias solares, fonte e papeleiras

A cidade inaugurará este ano o seu primeiro parque canino nunha parcela duns 4.300 metros cadrados situada nos antigos terreos de Tafisa, na avenida de Bos Aires. A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural acaba de contratar á empresa Naturgalia SL a execución dun proxecto que suporá un investimento de 47.849,69 euros e que se traducirá na creación dun espazo de paseo e xogo para cans con diversos elementos de exercicio, un peche perimetral de malla translúcido, pavimento de xabre estabilizado, tres bancos, luminarias solares, fonte e papeleiras. 

Con esta área de equipamento canino darase resposta á carencia actual de zonas axeitadas para cans en Pontevedra, gañando o máximo espazo útil para o esparexemento dos animais de compañía cun deseño sen actuacións agresivas e o máis respectuoso posible co contorno. Neste sentido, instalaranse elementos con materiais que harmonicen co medio, tales como xabre e grava miúda, e plantaranse especies arbóreas acordes coa pradería.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, explica que “a actuación comezará co acondicionamento e perfilado de terras e incluirá a conexión aos servizos de auga existentes, a instalación dunha marquesiña, a colocación de bordos e zapatas e a dotación dun peche perimetral translúcido de malla tipo Hércules de 200 centímetros de alto que permita ao usuario gozar tanto das vistas como da tranquilidade deste fermoso contorno natural”. O acceso ao parque canino realizarase a través dunha porta dobre de aceiro de 1 por 1,5 metros construída co mesmo tipo de malla e lacada en cor verde.

O contrato contempla o subministro e instalación de tres bancos de madeira e pés de fundición; dunha fonte adaptada para bebedoiro de animais de compañía de 730x170x1.000 milímetros (incluída a conexión ao sistema de abastecemento); dunha papeleira cilíndrica de 80 litros de fundición de aluminio granallado pintada de cor gris, e de tres luminarias solares con panel de 18V/25W, con apagado automático.

“A pérgola que se vai instalar -afirma Iván Puentes- terá unhas dimensións de 4×2,5 metros, farase en madeira tratada de piñeiro vermello, cunha altura libre de 2,20 metros e teito de chapa sándwich tipo tella en cor vermella de 40 milímetros”.

Un elemento de salto e tres postes para ouriñar

Os equipamentos de exercicio para os cans terán un acabado rústico e entre eles incluirase un elemento de salto formado por dous postes verticais de 9×9 centímetros, laterais de panel de táboa e unha barra de madeira dun metro de lonxitude. Asemade, colocaranse tres postes sobre zapatas de formigón especialmente deseñados para que as mascotas poidan ouriñar, instalarase unha boca de rego e incendio e plantaranse tres freixos de entre dez e doce centímetros de diámetro.

Segundo apunta o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, “a actuación proposta non precisa de ningún tipo de permiso de Patrimonio, pero si hai afección sectorial no que atinxe a Costas, xa que a parcela se sitúa dentro do límite da servidume de protección e debemos contar coa autorización do órgano competente”.