O Rotary Club e Frutas Moncho colaboran co programa Porta a Porta da Concellería Benestar Social coa doazón dunha tonelada de froita fresca

36
  • A concelleira Paloma Castro e o presidente da entidade, Sindo López Argibay, asistiron hoxe á primeira adquisición de caixas de froita nos almacéns da empresa pontevedresa no polígono de O Vao

Os voluntarios do programa municipal Porta a Porta, impulsado pola Concellería de Benestar Social, desprazáronse esta mañá cunha furgoneta ata os almacéns de Frutas Moncho no polígono de O Vao para recoller un cargamento de caixas de mazás, laranxas e plátanos. Este frete é o primeiro que se realiza grazas a un crédito de compra de 1.000 euros doado polo Rotary Club de Pontevedra e que permitirá adquirir arredor dunha tonelada de froita fresca para cerca de 200 familias en situación vulnerable.

A carga desta remesa inicial contou coa presenza da concelleira de Benestar Social, a socialista Paloma Castro, e do presidente do Rotary, Sindo López Argibay, quen subliñou a vocación da organización de “respostar ás necesidades que poidan xurdir entre os nosos veciños”. Tal e como sinalou, “loxicamente quenes mellor coñecen estas demandas son o Concello, que a administración máis próxima ao cidadán, e entidades como o Banco de Alimentos”. “Neste caso -explicou López Argibay- comunicóusenos que unha das cousas que máis precisaban no programa Porta a Porta era froita e por iso decidimos facer esta doazón”.

Dado que se trata de alimentos perecedoiros, os voluntarios poderán dispoñer do crédito de 1.000 euros en Frutas Moncho en función das necesidades do día a día. A edil Paloma Castro agradeceu esta nova colaboración do Rotary coa Administración local e salientou a boa resposta que tanto a cidadanía como as grandes empresas alimentarias de Pontevedra están a ter dende o prinicipio da crise sanitaria.

A concelleira lembrou que o estado de alarma trouxo consigo un incremento da demanda de Servizos Sociais e “por desgraza, prevemos que as necesidades van ir en aumento”, polo que “aínda que o Concello está a facer un grande esforzo económico, tódalas doazóns que recibamos son benvidas”.

Axudas para Banco de Alimentos, Área Sanitaria, ASSEII e Boa Vida

Ademais desta axuda para a adquisición de froita fresca, o Rotary Club realizou onte outra doazón de 1.000 euros para os almacéns do Banco de Alimentos e efectuou recentemente a entrega de 40 tablets na Área Sanitaria para permitir que as persoas illadas se poidan comunicar cos seus familiares. Por outra banda, a entidade pontevedresa tamén doou 500 euros á Asociación Socio Sanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinais (ASSEII) e 750 á asociación Boa Vida para colaborar en diferentes proxectos.

Sindo López constata que o Rotary tiña planificado un extenso programa de actividades para a recadación de fondos, pero “a meirande parte eran presenciais (entre elas, o concerto de música co Conservatorio Mayeusis, e a gala do Premio Servir, onde se prevía reunir a máis de 200 persoas) e, dada a situación que padecemos, atópanse en suspenso”.