Comeza a construción dos catro novos composteiros comunitarios da Parda e de Valdecorvos

52
  • A Concellaría de residuos que xestiona Raimundo González acelerou a instalación dos centros de compostaxe polo gran uso que os veciños e veciñas fixeron deles durante estas últimas semanas.

A Concellaría de xestión dos residuos, que dirixe o concelleiro Raimundo González Carballo, iniciou nestes días a construción das bases dos novos catro composteiros comunitarios urbanos que se sumarán aos xa instalados nos barrios da Parda e de Valdecorvos. A concellaría tiña previsto a instalación destes composteiros, pero viuse na obriga de acelerar a súa colocación polo elevado uso dos veciños e veciñas dos barrios nos que están instalados. De feito, neste período de confinamento o Concello tratou máis de 55 toneladas de biorresiduos, unha tendencia a alza que tamén se rexistra na reciclaxe de papel-cartón, vidro e envases.

A construción destas bases consiste na preparación do terreo para que estea nivelado, na colocación dunha celosía no chan xa que é importante que o composteiro estea en contacto co solo, así como dunha fonte na que os veciños e veciñas poidan lavar os seus cubos.

Dos catro novos composteiros comunitarios, dous completarán as unidades agora instaladas en Pintor Laxeiro (A Parda) e na Praza das Regas (Valdecorvos); e se incorporan dous espazos novos no barrio da Parda: a rúa Pintor Maruxa Mallo e a rúa Antón Losada Diéguez. Todos eles serán centros de compostaxe de 10 módulos cada un.

A empresa Naturgalia, adxudicataria da instalación destas bases, está a traballar nos composteiros da Parda. Xa está moi avanzado o de Pintor Laxeiro e está a construír a base do da rúa Antón Losada Diéguez (ao carón do estacionamento de borde da Parda). A previsión é poder iniciar hoxe as obras en Maruxa Maio. A empresa ten programado rematar as bases destes catro novos centros nun prazo de 15 días. A continuación instalaranse o caixón do estruturante e os dez módulos dos que disporá cada centro de compostaxe.

Na actualidade o Concello ten instalados na zona urbana composteiros comunitarios nas rúas Eduardo Pondal (2), Ponte Boleira (2), Camiño de Ferro (2), Pintor Laxeiro (1), Rúa dos Soutos (1), Praza das Regas (1) e Rúa de Prado Novo (2); e no barrio de Monte Porreiro, nas rúas Alemaña, Europa e Italia. 

E a estes engádese, agora, os catro máis previstos en Pintor Laxeiro, Praza das Regas, Pintora Maruxa Mallo e Rúa Antón Losada Diéguez. 

Os datos confirman a tendencia á alza da concienciación veciñal na importancia da reciclaxe e no tratamento dos residuos, o que permite ao Concello ir afianzando a nova marca Efecto PO2, que quere estender en todos os eidos do traballo municipal como o do tratamento dos residuos sendo unha das principais cartas de visita de Pontevedra.

A gran produción que se está a xerar nos composteiros comunitarios demostra o grado de compromiso que a veciñanza ten no sistema de tratamento e reutilización dos residuos orgánicos. De feito, durante o mes de confinamento e até o pasado luns, os composteiros comunitarios instalados na zona urbana trataran arredor de 55 toneladas de biorresiduos  facendo dos xa instalados neste período de confinamento, e que segue as tendencias á alza da reciclaxe de papel e cartón, envases e vidro.