Lores: “Queremos que este sexa o himno da recuperación da cidade”

10
  • O alcalde e o concelleiro de Xuventude presentaron o tema musical ‘Mañá’, creado por artistas noveis de Pontevedra durante o confinamento
  • Participaron ao redor de 25 persoas entre músicos e músicas de distintos estilos, técnicos, produción, deseño e realización
  • A iniciativa, impulsada desde a área de Xuventude, pretende poñer en valor a potencialidade da industria cultural e a creatividade da mocidade pontevedresa 

“Queremos que este sexa o himno da recuperación da cidade” asegurou Miguel Anxo Fernández Lores na presentación ante a prensa do tema musical ‘Mañá’, creado por artistas noveis de Pontevedra durante o confinamento e cunha mensaxe de optimismo cara á fin da situación de excepcionalidade que se está a vivir. Acompañado polo concelleiro de Xuventude, área impulsora da iniciativa, aproveitou para darlle os parabéns a todas e a todos os participantes e asegurou que “hai futuro na música de Pontevedra e, sobre todo, unha das cousas que me gustan é como se puido compaxinar estilos diferentes e traballar conxuntamente para acadar un resultado tan marabilloso”.

En representación do equipo que participou no proxecto, interviron os reponsables da composición, Mariña Paz e Thomas Argibay (16 e 19 anos respectivamente) para explicar que a  pesares ” de que todas as persoas facemos música moi diferente estamos moi contentos co resultado”. Ambos coincidiron en definir a experiencia como “un reto” e anunciaron que non descartan “seguir facendo música xuntos”. 

Fernández Lores incidiu en que se trata dun “proxecto local porque temos a fortuna de ter grandes artistas con certa experiencia xa e, sobre todo, xente tamén moi nova”. Asegurou que a través do vídeo deste tema musical, que xa está dipoñible na canle de Youtube do Concello, se visibiliza “esa grande potencia que temos a nivel musical e de xente nova, e tamén sirve para animar á xente para que pense que vai haber un día despois con certa garantía de futuro”. Neste sentido, lembrou que “agora que se está falando, ante esta situación mundial, de potenciar o local e de potenciar as nosas capacidades e isto pode ser un exemplo espléndido de todo iso”.

Froito dun traballo continuado

Alberto Oubiña explicou que este proxecto foi unha encarga “aos músicos da cidade porque cremos na necesidade de potenciar a creatividade e de poñer en valor a mocidade, que é o eixo central desta proposta”. Tamén fixo unha defensa da aposta do Concello de Pontevedra por manter a cultura incluso durante o confinamento domiciliario, evitando a cancelación de todos os eventos e proxectos nos que foi posible reorientalos cara a formatos virtuais. 

O proxecto enmárcase no traballo continuado que se leva realizando desde diferentes áreas municipais, a través de proxectos e programas como o Local de Música, Rock Lab ou Xeración Sónica, de cara a poñer en valor a música en galego, fomentar a formación de artistas noveis pontevedreses, e difundir as súas creacións. 

Tanto o tema musical ‘Mañá’ como o vídeo que o acompaña foron creados por persoas de diferentes disciplinas que desenvolven a súa actividade profesional e creativa en Pontevedra, e a propia cidade e os seus espazos urbanos son o escenario principal do vídeo. A composición correu a cargo de Thomas Argibay Walker e Mariña Paz, a melodía foi creación de Mariña Paz, na letra participaron Mariña Paz e Gonzalo Maceira coa colaboración de Violeta Mosquera, Laura García, e Camilo; e na interpretación participaron Soulmacklein, Malecho, Checho Malkeda, Dani (singer stitch), Mariña Paz, Laura G. Villar, V. Mosquera, Lope, Rodrigo Valiente, Jose Barros, Tea é un paxaro, Sara López, e Xaquín Moreda de Mavaralla. A dirección artística estivo a cargo de Gonzalo Maceira e Artecalavera, na produción musical estiveron Gonzalo Maceira e Iago Lorenzo; o responsable de Mix e Master foi Iago Lorenzo, na realización audiovisual estivo Jose Aragunde, no deseño gráfico e animacións estivo Ana Seoane, e na produción do proxecto estivo Revenidas S. C.

Por último, Alberto Oubiña anunciou que mañá venres, 8 de maio ás 19h, a través da canle de YouTube do Concello se retransmitirá un encontro en directo entre todos e todas as artistas participantes, na que tamén estarán presentes o alcalde e o concelleiro de Xuventude.

Vídeo Mañá