O Concello convocará a máxima oferta de emprego público posible

464
  • A oferta aprobada na mesa xeral de negociación sindical contempla un total de 33 prazas, practicamente a totalidade de vacantes existentes neste momento
  • Inclúense postos ligados á modernización e axilización da Administración local, tales como unha praza de técnico superior de mantemento de espazos públicos ou de xestor/a de contidos e soporte de Administración Electrónica

Tras a reunión da mesa xeral de negociación sindical nesta semana, a concelleira de Persoal, Carme Fouces trasladou á Xunta de Goberno local a oferta de emprego público do ano 2020. “Trátase da oferta máis completa posible que podemos facer neste momento, xa que saen practicamente todas as prazas vacantes” asegura Carme Fouces. 

A oferta contempla un total de 33 prazas, que inclúen postos de nova creación ligados á modernización e axilización da Administración, como son unha praza de técnico superior de Sostemento de Espazos Públicos, un técnico/a en Deportes, ou un xestor/a de contidos e soporte de Administración Electrónica. Carme Fouces salientou especialmente que “ademais de reforzar os servizos municipais e facilitar a promoción interna dos traballadores e traballadoras, tamén queremos apostar, neste momento tan regresivo para o emprego, por ofrecer oportunidades de acceso a postos de traballo estables e con remuneracións dignas”.

Ademais dos postos de nova creación, a oferta contempla prazas vacantes por xubilación, como o de arquiveira/o. Suma ademais 1 posto de enxeñeira/o técnica industrial, 1 de técnica/o medio de Informática, 1 técnico/a de Administración Xeral, 1 administrativo/a, 2 prazas de técnica/o media, 1 praza de inspectora/a de Policía, 1 de oficial de Policía, 1 cabo de Bombeiros, 8 de Policía, 2 de oficial electricista, 1 de oficial condutor/a mecánico, 2  de oficial xardineiría, 4 de oficial de obras e 3 de operaria/o. 

En canto á clasificación, do total destas prazas 4 corresponden ao grupo A1, 5 ao grupo A2, 11 ao grupo C1, 10 ao grupo C2 e 3 a Agrupación profesional. En canto á modalidade de acceso, 11 ofértanse en promoción interna, 2 de policía de mobilidade horizontal, e as 20 restantes serán de acceso libre.