Pechada Otero Pedraio por perigo de derrube dun noiro cara a estación

88
  • A escavación da obra da intermodal provocou inestabilidade no terreo que obrigou a adoptar esta medida. Está previsto que se resolva proximamente e se poida abrir nun prazo de 15 días.

O Concello de Pontevedra vén de pechar ao tráfico a Rúa Otero Pedraio por seguridade ante un posíbel derrube dun noiro cara a estación de autobuses. Esta incidencia está relacionada coas obras de escavación relacionadas coa creación da nova estación intermodal. Unha vez que se consolide o subsolo, poderase abrir dentro de 15 días.

Otero Pedraio xa dispoñía dun carril de tráfico pechado debido ás obras da estación. Estaba permitido o tránsito dende a zona de Conde Bugallal e o Marco cara ao centro da cidade, pero debido á incidencia ocorrida, é preciso pechar, tamén, este sentido de circulación.

A rúa quedou pechada o pasado martes e logo de ser analizada polos técnicos municipais, é preciso reforzar o subsolo da rúa antes de proceder a súa apertura. Polo tanto, prevese que o peche de Otero Pedraio se prolongue durante 15 días.

Para atender as necesidades de tráfico da zona,  a Policía Local artellou un plan de mobilidade coa proposta de que os accesos e saída da cidade cara ao sur se fagan, ben a través da rúa Josefina Arruti ou ben cara Conde Bugallal.