O Servizo de Axuda no Fogar atendeu a uns 200 usuarios durante as semanas de confinamento

37
  • Segundo explica a concelleira de Benestar Social, Paloma Castro, o SAF ordinario atendeu a uns 180 usuarios, mentres que os novos casos vencellados á Covid-19 ascenderon a 18 persoas
  • A edil esíxelle á Xunta “que deixe de dar esmola e facer negocio” e lembra que “a situación das persoas en grao 2 e 3 de dependencia non se resolven cunhas horas, senón con residencias públicas”

O Servizo Municipal de Axuda no Fogar (SAF) atendeu a unhas 200 persoas durante estas semanas de confinamento. Ademais de asistir a 180 usuarios a través do SAF ordinario, a empresa Idades, contratada pola Concellería de Benestar Social para desenvolver este servizo, viu incrementada substancialmente a demanda de atención por mor da crise sanitaria: ata 18 casos estiveron vencellados con positivos por Covid-19, xa se tratara das propias persoas dependentes como dos seus familiares ou coidadores habituais.

Tal e como aclara a concelleira de Benestar Social, Paloma Castro, estes casos extraordinarios deriváronse de “casos positivos non graves, aos que se lles deu a alta hospitalaria en Montecelo e se enviou para as súas casas”. En concreto, o SAF interveu para axudar a sete unidades convivencias de varios membros, dos que algúns tiveron o coronavirus e outros non, o que facía imprescindible o illamento dos afectados e a asistencia especial dos traballadores de Idades. 

“Atendeuse a maiores, persoas con problemas de mobilidade e dependentes en xeral, que deron positivo por Covid-19 -apunta a edil do PSOE- e tamén algúns casos de persoas dependentes que tiñan familiares co virus e que, polo tanto, non podían ser atendidos por eles”.

Paloma Castro lembra que o SAF ordinario ten contempladas unhas 114.884 horas anuais de servizo e que, dos 180 usuarios os que atende, “40 deles son de libre concorrencia, é dicir, non teñen a dependencia recoñecida pola Xunta (en base á Lei de Dependencia) e é o Concello o que se encarga de financiar integramente a súa atención”. O financiamento compártese entre a Administración autonómica e a local no caso dos 140 usuarios que si cumpren cos parámetros da lexislación autonómica: dos 15 euros que se abonan por hora de servizo, a Xunta asume 9,70 e a Concellería de Benestar Social 5,30.

Unha achega económica de 194.000 euros, á que o Concello aportou 37.790 euros, permitiu dotar ao SAF de 6.471 horas mensuais de carácter extraordinario para facer fronte aos novos casos derivados da crise sanitaria. Para esta dotación, a Xunta asume 12 euros dos 15 que se abona por hora de servizo e o Concello os tres restantes.

Un centenar de auxiliares en primeira liña de batalla

A concelleira de Benestar Social asegura que “este encomiable labor foi posible grazas aos 101 traballadores de Idades que, entre persoal de plantel e substitucións, estivo en primeira liña de batalla en todo momento, precisamente do lado de grupos de risco tan vulnerables ante a Covid-19, como son os maiores e as persoas que non se poden valer por si mesmas”. “A elas e a eles hai que aplaudirlles ben forte -afirma Castro-, xa que desenvolveron unha atención diaria a persoas dependentes, axudándolles a ducharse e asearse, dándolles de comer ou cambiándoas de posición. E fixérono ademais cunha profesionalidade e un nivel de prevención tan grandes que podemos congratularnos de que non se detectase nin un so positivo por Covid-19, nin entre os traballadores nin entre os usuarios do SAF ordinario”. 

Non obstante, dende o inicio da crise, Idades aplicou as medidas necesarias en canto se tiñan sospeitas de posibles contactos/contaxios, tanto por parte dalgún membro da unidade de convivencia ou familiar do usuario como do persoal de atención. Asemade, o comité de empresa de Idades e o departamento de Prevención de Riscos Laborais do Concello de Pontevedra colaboraron para levar a cabo un amplo labor de formación no que atinxe a protocolos de prevención e uso dos EPI.

Neste sentido, formouse a dous grupos de auxiliares (tres traballadoras por grupo) en cuestións relativas ao xeito de poñer e retirar os EPI necesarios en cada ocasión, facéndolles entrega dun dossier informativo e realizando un seguimento exhaustivo dos casos de Covid-19 para evitar, na medida das posibilidades, a transmisión do virus. As propias traballadoras puideron orientar así ás familias e facerlles chegar as mascarillas e guantes distribuídos polo Concello e a empresa.

Paloma Castro criticou que a Xunta se adique “a dar esmola aos concellos e a racanearlles as horas do SAF, en lugar de deseñar unha política de servizos sociais coherente coa realidade de Galicia e de tecer unha rede de residencias públicas”. “A Xunta ten que deixar de intentar facer negocio cos servizos sociais. Hai moita xente con grao 2 e mesmo con grao 3 de dependencia (os máis casos máis graves), cuxos problemas non se resolven enviando a un auxiliar unhas horas á semana. Esa xente ten dereito a estar nunha residencia”, demanda a socialista.