O Concello pon a disposición da veciñanza cartelería preventiva do Covid-19

251
  • Ante o próximo inicio da actividade da cidade e o uso dos espazos comúns en moitos edificios e baixos, o Concello adapta a cartelería informativa e con recomendacións das oficinas municipais, para o público en xeral que precise facer uso dela.
  • Poderán descargar da web municipal cinco carteis con normas xerais, limpeza de mans, retirada de luvas, uso de ascensores e respecto á distancia de seguridade supervisados polo servizo municipal de Prevención de Riscos Laborais.

O Concello de Pontevedra a través da Concellaría de Persoal, que xestiona Carme Fouces, e do servizo de Prevención de Riscos laborais, acordou poñer a disposición de todos os veciños e veciñas de Pontevedra, empresas, comunidades de veciños, despachos profesionais, asociacións… diverso material gráfico de carácter informativo e con recomendacións sobre como previr o coronavirus, agora que está previsto o inicio da actividade e o maior uso dos espazos comúns de moitos edificios e baixos.

Trátase de cinco carteis nos que se fan distintas recomendacións sobre a hixiene, os espazos comúns, as distancias de seguridade ou o uso dos ascensores. Son creacións realizadas polo propio Concello destinadas a informar tanto a traballadores como ao público en xeral en todas as oficinas de todos os edificios municipais.

Dado que se tratan de normas xerais que todos os pontevedreses deberan cumprir, a Concellaría de Persoal, encargada da prevención laboral, ofrece a posibilidade de que todas as persoas a título particular ou entidades privadas ou públicas que o precisen, descarguen da páxina web municipal os carteis e os utilicen como consideren conveniente. 

Esta medida adóptase logo de detectar unha demanda por parte dalgúns sectores  (comercios, comunidades de veciños…) ante a falta de material gráfico para entidades privadas e para particulares na desescalada e na próxima volta á normalidade. 

Os carteis que estarán colgados na web da Covid-19 https://www.pontevedra.gal/covid-19/ baixo o epígrafe cartelería covid, son os seguintes:

  • Cartel 1. Recolle recomendacións como a limpeza de mans, desbotar os panos, tusir no cóbado, evitar tocar ollos, boca e nariz, evitar dar a man para saudarse, lavar as mans frecuentemente ou non compartir obxectos de hixiene persoal.
    • Haberá unha segunda versión deste cartel pensada para a actividade profesional, que amplía recomendacións como manter os espazos ventilados ou a retirada de documentación dos postos de traballo para que poidan ser desinfectados cada día.
  • Cartel 2. Vinculado ao anterior e, tal vez, a recomendación máis importante: a distancia social. Este cartel recomenda respectar os 2 metros de distancia entre persoas para evitar a propagación do virus.
  • Cartel 3. Recolle como se debe facer unha limpeza de mans: polas palmas, o envés, entre os dedos, con abundante auga, secalas cun pano que debe ser empregado para pechar a billa.
  • Cartel 4. Outro cartel da serie é como se han de quitar as luvas, no caso das persoas que as empreguen. Previa á retirada, hanse lavar ben as mans con auga e xabón, e a continuación secalas seguindo o procedemento. Seguidamente, é preciso volver lavar as mans.
  • Cartel 5. Tamén se ofrece un último cartel informativo e con recomendacións sobre o uso dos ascensores comunitarios. A ser posíbel deben evitarse, pero no caso de facelo a recomendación é que viaxe unha soa persoa ou ben persoas que convivan ou presenten necesidades especiais que obriguen a acompañalas. Rógase non tocar elementos do ascensor como espellos, paneis, barras de apoio, non tocar a cara e, cando se saia, lavar as mans.
    • Existe unha segunda vesión deste cartel pensado para o uso público xeral (como as comunidades de veciños), no que se recomenda viaxar só agás persoas convivintes.