A plataforma #PonteLovers lanza o Plan Impulsa para axudar aos negocios da nosa cidade a reinventarse e desenvolver todo o seu potencial

357
  • O programa impulsado por Promoción Económica estará coordinado pola sherpa empresarial Mariem Filgueira e desenvolverase a través de sesións grupais ee mentorizacións individuais
  • Yoya Blanco asegura que esta iniciativa aportará “coñecementos punteiros para que profesionais de diversos sectores aproveiten as novas oportunidades, tanto no ámbito urbano como no rural”

Axudar ás actividades comerciais de proximidade da nosa cidade a reinventarse e a desenvolver todo o seu potencial nestes difíciles momentos é o principal obxectivo do Plan Impulsa, promovido pola Concellería de Promoción Económica e Turismo a través da plataforma #PonteLovers. Un equipo de profesionais dos máis diversos sectores, coordinados pola sherpa empresarial Mariem Filgueira, aportarán os seus coñecementos e ‘saber facer’ para darlles un pulo aos negocios de Pontevedra e impulsar a súa recuperación, analizándoos dende diferentes perspectivas e aportándolles competencias punteiras en áreas como márketing dixital, ecommerce, escaparatismo, visual merchandising, TIC, alianzas e colaboracións, xestión de incerteza, hixiene e saúde, finanzas, fiscalidade, lexislación, sostibilidade ou traballo en equipo.

A iniciativa, posta en marcha coincidindo coa primeira fase da desescalada, desenvolverase tanto a través de accións de mentorización individuais como de sesións grupais destinadas a atopar inspiración e intercambiar experiencias cos responsables doutras empresas e establecementos comerciais do municipio. A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, asegura que o apoio personalizado do #PlanImpulsa permitirá dar resposta “a cuestións como o xeito de realizar as contas para que o negocie continúe; como facer para aliarse coa tecnoloxía e comunicarse mellor nos medios dixitais; canto custa ter unha tenda online e que outras vías existen para vender de forma non presencial, ou como adaptarse ás novas condicións sanitarias xurdidas por mor da Covid-19”.

“Este proxecto -sinala a edil do PSOE- está pensado para dar resposta a negocios de tódolos sectores, situados tanto no ámbito urbano como no rural. Unha das características que máis me gusta deste plan é a súa flexibilidade, xa que o equipo se irá adaptando á demanda e, ademais de mentorías e acompañamentos xerais, desenvolveranse acompañamentos específicos naqueles casos en que sexa preciso”.

O camiño das novas oportunidades

Tal e como subliña Mariem Filgueira, especialista en diagnose, estratexia, innovación e tecnoloxía, “esta iniciativa busca axudar a comercios, pymes e profesionais a reorientar os seus proxectos empresariais, impulsar a súa continuidade, acompañalos na súa reactivación e darlles osíxeno neste novo paradigma no que nos atopamos”. Segundo apunta a sherpa empresarial, as accións formativas e de acompañamento fomentarán a inspiración colectiva e a cultura colaborativa, buscando acadar o camiño das novas oportunidades.

Yoya Blanco fai fincapé no feito de que case tódalas persoas que forman parte do equipo do #PlanImpulsa “son de Pontevedra” e as demais son galegas, o que “incide na posta en valor do noso tecido empresarial a través de expertos da terra”. A idea é que poidan a chegar a colaborar co proxecto uns sete profesionais, unha cifra de colaboradores que podería ampliarse se fora necesario. 

Todos aqueles hostaleiros, empresarios, comerciantes e profesionais liberais que queiran participar no plan poden pedir información, realizar consultas e inscribirse no correo planimpulsa.pontevedra@gmail.com ou no teléfono 625 120 475, así como nos perfís de Facebook (Plan Impulsa) e Instagram (@plan_impulsa).

Entre os hashtag que definen a filosofía do proxecto e que se empregarán para dar difusión á iniciativa en medios e redes sociais inclúense os lemas #HoxeMaisQueNunca, #CandoMaisONecesitas, #ActivateCoPlanImpulsa, #DespegaCoPlanImpulsa e #ReiniciaCoPlanImpulsa.