Comezan os traballos de restauración dos restos da Casa-Torre dos Montenegro

38
  • Ademais de reconstruír a estrutura derrubada o pasado mes de decembro, incorporarase un reforzo da cimentación e drenaxe interna para evitar futuros deterioros causados por chuvias
  • Os traballos serán realizados por tres empresas baixo a coordinación do arqueólogo municipal

A área de Patrimonio Histórico, xestionada polo concelleiro Xaquín Moreda, vén de dar luz verde ao inicio dos traballos de restauración dos restos da Casa-Torre dos Montenegro, que sufriran un desprendemento por mor das chuvias o pasado mes de decembro. Como xa anunciara o concelleiro naquel momento, os traballos de restauración e reconstrución do esquinal caído, incorporarán un reforzo da cimentación e drenaxe interna. 

Ademais a actuación contempla: 

  • Mellora das condicións de conservación de toda a ruína da Casa-Torre, coa renovación do tapado en planta con xeotextil e grava, xa que actualmente este tapado ten unha excesiva colonización vexetal.
  • Consolidación puntual da muralla medieval nos puntos onde foi afectada pola caída de pedras do sector derrubado da Casa-Torre.
  • Mellora e limpeza dos enfuscados dos tramos da muralla reconstruídos con bloques de cemento (tapiais). 
  • Documentación arqueolóxica de todo o proceso e dos estratos e estruturas arqueolóxicas afectados. Igualmente tratamento e inventario do material arqueolóxico moble rexistrado.

Atendendo á exhaustiva documentación topográfica e fotográfica dos vestixios arqueolóxicos do Campiño de Santa María (topografía, ortoimaxes obtidas con laser-escáner de paramentos e plantas, fotografía área con dron, …), o Concello ten plenas garantías de poder devolver a estrutura á situación anterior, reforzada para evitar que no futuro se volva reproducir este problema. 

Os traballos de restauración, cuxo orzamento ascende a 27.963 euros, será realizado  por tres empresas baixo a coordinación do arqueólogo municipal: BIC Materiales y Conservación SL ocuparase das tarefas de restauración; APC Arqueoloxía Patrimonio Cultural realizará o control arqueolóxico dos traballos; e Actividades de Construcción, Edificación y Viales SL realizará traballos auxiliares en obra e execución da solución de cimentación.

O ámbito de obra queda constituído polos vestixios arqueolóxicos da Casa-Torre dos Montenegro, antigo pazo urbano de orixe baixomedieval, do que só se conservan os alicerces, e que están expostos ao ar libre como parte do Conxunto Arqueolóxico do Campiño de Santa María.