Rexistro e Padrón de habitantes inician o traslado á Casa da Luz

130
  • O luns 18 de maio comezarán as obras de remodelación da planta baixa das dependencias municipais de Michelena 30, coa mirada posta nas novas medidas de seguridade e distancia social 
  • As obras de remodelación foron adxudicadas á empresa Dapercons SL por un orzamento de 164.560 euros e teñen un prazo de execución de dous meses

A portavoz do Goberno local, Anabel Gulías, anunciou esta mañá que as obras de remodelación da planta baixa das dependencias municipais de Michelena 30 foron adxudicadas á empresa Dapercons por un orzamento de 164.560 euros, tras  solicitarlle orzamento a tres empresas locais. Esta actuación implica que os servizos que se prestaban neste espazo, Rexistro e Padrón de habitantes, deben ser trasladados provisionalmente á Casa da Luz, tarefas que deron comezo esta mesma mañá. 

A reforma da planta baixa das dependencias municipais de Michelena 30 contempla a adaptación ás novas medidas de seguridade xurdidas no marco da crise sanitaria, ao tempo que se implementarán fórmulas como a cita previa e a atención por videoconferencia naqueles casos que sexa posible. Neste punto, Anabel Gulías tamén anunciou que o Concello está licitando actualmente o servizo de cita previa.

Hai que lembrar que estas obras, cuxo inicio está previsto para o 18 de maio e que teñen un prazo de execución de 2 meses, contemplan a separación de accesos, cun acceso específico para os servizos de Rexistro e Padrón de habitantes e outro independente para o resto das dependencias do inmoble; a individualización dos postos de traballo para respectar as distancias e posibilitar a atención de máis persoas en condicións de seguridade; a ampliación do espazo de espera e a mellora dos fluxos de circulación na planta.

Anabel Gulías lembrou que esta actuación foi tramitada por procedemento de emerxencia e que a celeridade coa que se prevé levar a cabo obedece á necesidade de priorizar a seguridade das persoas, tanto a das e dos traballadores públicos como a da cidadanía que fai uso presencial dos servizos municipais.