Tonucci aos nenos e nenas: “Tedes sorte de vivir nunha cidade como Pontevedra”

75
  • O pedagogo italiano acompañou a Miguel Anxo Fernández Lores e a Carme Fouces nun encontro con nenos e nenas pontevedresas para coñecer de primeira man como están a vivir esta situación de excepcionalidade
  • Medo a que os maiores se contaxien, a carga de tarefas escolares e a ledicia das primeiras saídas, centran a experiencia dos máis pequenos e pequenas

Na rolda de contactos que o alcalde está mantendo con diferentes sectores sociais e profesionais para analizar as necesidades derivadas da crise sanitaria, o Concello tamén quixo que os nenos e as nenas tivesen un espazo propio. Así o explicaba esta mañá a concelleria Carme Fouces na benvida ao encontro mantido cunha reducida (atendendo ás restricións da desescalada) representación de crianzas tanto da cidade como do rural. Así, María, Lucía, Candela e Nico foron as encargadas de trasladarlle as súas experiencias tanto ao alcalde e á concelleira como a Francesco Tonucci, que participou no encontro de xeito telemático. 

Miguel Anxo Fernández Lores fixo unha breve introdución explicando como neste momento Pontevedra se revela como exemplo e referente urbano para cidades que precisan adaptar os seus espazos públicos á situación post-Covid, que esixe máis espazo público dispoñible para que as persoas poidan manter a distancia social e moverse con seguridade. Para que os nenos e nenas o entendesen mellor proporcionoulles imaxes das rúas de Pontevedra antes da transformación urbana, que serviron de guía para explicar como a cidade é, en palabras do alcalde “un lugar onde se pode disfrutar das rúas e das prazas con seguridade”. Unha idea que reforzou o pedagogo italiano e impulsor da Rede de Cidades dos Nenos e das Nenas asegurando que “tedes sorte de vivir nunha cidade como Pontevedra, que xa ten dado pasos moi importantes que outras cidades aínda non deron, e que é un exemplo cara o que están mirando desde todas as partes do mundo”. Tonucci tamén aproveitou para animar aos rapaces e rapazas a “ser embaixadores de Pontevedra, porque vós sodes os que coñecedes de primeira man como ten que ser unha cidade pensada para vós”.

A experiencia do confinamento

Tanto María e Lucía, veciñas parroquia de Lérez, como Nico e Candela, residentes na cidade, coincidiron na descrición das súas experiencias do confinamento, que centraron en tres puntos: a preocupación inicial e o medo a que se contaxiaran nais, pais ou avós e avoas; a carga de tarefas escolares que cualificaron “igual de aburridas que cando iamos ao cole”; e o uso de vídeo chamadas para manter o contacto con amigos e amigas. Neste último punto, Nico relatou a celebración telemática da festa de aniversario dun compañeiro, frustrada “porque falabamos todos á vez e non nos enterabamos de nada”. A estas experiencias,  tamén lle uniron as de todo o tempo que o confinamento lles permitiu pasar cos pais e nais e as tarefas compartidas, algo que consideraron extraordinario, e a ledicia da volta á rúa na última semana.

De cara ao futuro e aínda que apuntaron que Pontevedra é unha cidade “que está moi ben”, animáronse cun par de peticións: máis festas e máis eventos na rúa e unha zona cuberta de xogos para o inverno. 

Por último, Tonucci trasladou a proposta de que se destine unha xornada específica na que a cidade sexa só para os nenos e as nenas, sen adultos, para que demostren “como son capaces de inventar xogos novos con normas novas, como manter a distancia e levar mascarilla”. Unha proposta que Fernández Lores se comprometeu a valorar.