O Concello colabora cos hostaleiros que solicitan a ampliación de espazo para veladores

37
  • A concelleira de Ocupación de Espazos Públicos salienta a “actitude proactiva e sensata” dos e das profesionais do sector para adaptarse ás limitacións da desescalada
  • No inicio da Fase 1, foron 27 os establecementos que solicitaron asesoramento por parte dos servizos técnicos municipais para adaptar as terrazas

Un total de 27 establecementos hostaleiros solicitaron, no inicio desta primeira fase da desescalada, o asesoramento do Concello para redistribuír o espazo para instalar veladores e abrir as terrazas coas condicións de seguridade e distancia social esixidas. Hai que lembrar que a área de Ocupación de Espazos Públicos, que xestiona a concelleira Eva Vilaverde, habilitara a pasada semana unha conta de correo electrónico para que os establecementos que quixeran abrir os seus veladores a partires do 11 de maio, poidesen contar coa asistencia e o asesoramento dos servizos técnicos municipais. 

Neste sentido, a concelleira indica que a maioría dos establecementos abriron atendendo ás normas e sen solicitar asesoramento e que o número de solicitudes que recibiu o Concello se corresponde con locais que ou ben teñen dúbidas sobre a aplicación das restricións ou precisan asesoramento sobre a mellor forma de resdistribuír o espazo dedicado á terraza. Eva Vilaverde asegura que, en xeral, os e as profesionais do sector están “tendo unha actitude proactiva e sensata e cumpren as normas”.

O asesoramento ofertado polo Concello consiste en estudar o espazo dispoñible para redistribuílo ou amplialo, sempre atendendo ás medidas de seguridade esixidas e á compatibilización de usos, para tratar de que os establecementos hostaleiros poidan instalar o maior número de veladores permitido e do xeito máis favorable. Este servizo de asesoramento manterase activo ao longo de todas as fases da desescalada.

En canto ás incidencias nos dous primeiros días de apertura de terrazas, a Policía Local realizou, na tarde do martes, a inspección de 150 establecementos, dos cales 12 estaban abertos e cos veladores cumprindo coas normas de seguridade. Na xornada do luns, tan só realizou tarefas de comprobación puntual que se solventaron con apercibimentos, agás nun único caso no que se procedeu a tramitar denuncia.