O Concello estudará a fórmula máis axeitada para a celebración do Festival Novos Cinemas

52
  • A concelleira de Dinamización Sociocultural, Carme da Silva participou nunha xuntanza virtual da Coordinadora Galega de Festivais de Cinema ‘Proxecta’, para garantir o apoio municipal ao festival pontevedrés
  • Manter e reforzar a programación cultural do Concello, apostar polo cinema galego a nivel xeral e polas iniciativas asentadas na cidade en particular, foron as principais premisas que Da Silva puxo enriba da mesa

O Festival Internacional de Cinema de Pontevedra ‘Novos Cinemas’ celebrarase en decembro baixo a fórmula máis axeitada segundo as normas sanitarias e de prevención que se establezan para entón e contará co apoio do Concello para garantir a súa celebración baixo as medidas esixidas. Así o manisfestou onte a concelleira de Dinamización Sociocultural, Carme da Silva, no marco da xornada virtual convocada pola Coordinadora Galega de Festivais de Cinema ‘Proxecta’.

Da Silva fixo fincapé na importancia de manter e reforzar as programacións culturais, adaptándoas ás normas de seguridade esixidas por mor da crise ou reconvertíndoas a outros formatos, no caso de ser posible, como o virtual, co obxectivo contribuír á defensa do sector cultural con propostas sólidas e dignas. No caso concreto do Festival pontevedrés, que este mes de decembro acadará a súa edición número 4 (a quinta, contando a edición nº 0), a concelleira fixo especial fincapé na importancia de que un certame deste calibre se celebre en Pontevedra, propiciando a convivencia entre o cinema realizado a nivel internacional co realizado na Galiza. Tamén salientou a proxección mundial do actual cinema galego e asegurou que “non se pode consentir ningún paso atrás en todo ese camiño andado”.

Na xuntanza participaron os representantes municipais do concellos nos que se celebran os principias festivais da provincia, como Pontevedra, Bueu, O Porriño, Vilagarcía de Aroousa e Tui, e representantes da organización dos mencionados festivais: Daniel Froiz co-director de Novos Cinemas, Manuel Pena director do FIC-Bueu, Alfonso Pato director do Festival de Cans, Luís Rosales director do Festival de Curtas de Vilagarcía e Ángel Santos director do Play-Doc de Tui e presindente de Proxecta. Na xuntanza tamén estivo representado o Concello de Verín e Festival de Curtas deste Concello, o Fic VIA XIV.

Entre os temas tratados estiveron a valoración dos escenarios posible, desde a posibilidade de manter os festivais adaptados a novas circunstancias ata a obrigada cancelación, a relación e o apoio dos Concellos aos certames, e os protocolos sanitarios e medias de seguridade.