O mercado ambulante regresa este sábado con maior superficie e estritas medidas de seguridade

104
  • Promoción Económica establece unha distancia mínima de 3,5 metros de separación entre postos, o tránsito en dous carrís separados de dirección única e o control de aforo para evitar aglomeracións
  • O Concello elaborou un plano e pintará o chan do Paseo Rafael Areses para delimitar a instalación, garantindo unha distancia de 6 metros con respecto aos postos situados en fronte

A creación de carrís diferenciados de dirección única cun valado separador, a colocación de dispensadores de xel hidroalcohólico na zona de acceso, o control de aforo con vixiantes de seguridade e Policía Local, a ampliación da superficie de montaxe e o tránsito unidireccional dos clientes son algunhas das estritas medidas coas que o mercado ambulante regresará este sábado 16 de maio ao Paseo Rafael Areses e o contorno do Parque Rosalía de Castro. A Concellería de Promoción Económica e Turismo traballou durante os últimos días na elaboración dun mapa que redistribúe o espazo, establecendo unha distancia mínima de 3,5 metros de separación entre postos (de 6 metros con respecto aos situados en fronte) e garantindo que, mesmo no improbable caso de que se instalen a totalidade dos 56 postos que dispoñen de licencia, existan en todo momento as condicións de seguridade pautadas polas autoridades sanitarias.

O departamento que dirixe Yoya Blanco elaborou guías sobre medidas hixiénicas e cartelería de distanciamento, que serán perfectamente visibles para feirantes e clientes, ao tempo que contratou á empresa Reformas y Servicios Núñez para realizar o pintado de delimitación no chan de Rafael Areses e Rosalía de Castro. A montaxe dos postos levarase a cabo entre as 7:00 e as 9:00 horas, baixo atenta vixilancia, tódolos ambulantes deberán atender ao público con mascarillas e estableceranse dous carrís unidireccionais separados por valos en Rafael Areses (a distancia de seis metros permite xeralos). 

Por outra banda, quedará prohibido o estacionamento na explanada do Recinto Feiral, o que xa se advertiu á cidadanía mediante a colocación de carteis informativos neste contorno.

Tal e como aclara a concelleira de Promoción Económica, “a reanudación da actividade do mercado ambulante cumprirá estritamente coas medidas de hixiene e seguridade recollidas na Orde SND/399/2020, de 9 de maio” e os nosos protocolos “foron coordinados coa Policía Local e contan co visto bo da Xunta Galicia (a propia Administración autonómica solicitounos)”. “En todo caso, eu mesma encargareime de supervisar persoalmente que ninguén se desmande e que non haxa nin o máis mínimo incumprimento”, advirte Blanco.

“Hai espazo de sobra para todos”

O cronograma facilitado polo Ministerio de Sanidade no marco do Plan para a transición cara unha nova normalidade, resulta bastante diáfano no que atinxe ao Comercio Minorista e Actividades de Prestación de Servizos: “Cando así o propoña o concello correspondente, tamén poderán iniciar a súa actividade os mercados ao aire libre ou de venda non sedentaria (mercadillos) na vía pública, con condicións de distanciamento social entre postos e delimitación do mercado ambulante para o correcto control do aforo polas Forzas de Seguridade. Limitación inicial ao 25% dos postos habituais ou aumento da superficie para asegurar o mantemento da distancia de seguridade entre os postos e os viandantes”. Baixo a premisa de “ou todos ou ningún”, Yoya Blanco centrou os esforzos do seu departamento en incrementar a superficie de instalación, “xa que temos espazo de sobra para garantir as condicións hixiénico-sanitarios e non ten ningún sentido facer unha criba discriminatoria”. “Todos teñen que comer”, afirma.