O acondicionamento da cidade durante a desescalada amplíase coa reposición do firme en varias rúas

46
  • No marco do contrato de mantemento de espazos públicos urbanos, a partires da vindeira semana procederase á rehabilitación da capa de rodadura en tramos nos que se aprecia deterioro 
  • Estas intervencións implicarán cortes de tráfico puntuais que serán comunicados nos días previos á veciñanza de cada zona 

Dentro das actuacións contempladas no contrato de mantemento de espazos públicos urbanos, inclúense a rehabilitación da capa de rodadura en tramos de rúas da cidade que presentan algún tipo de deterioro. Uns traballos que se prevé dean comezo a mediados da vindeira semana co obxectivo de ter todos os viais da cidade en condicións óptimas de cara ao levantamento do estado de alarma e á incorporación do volume de tráfico rodado habitual.

Así desde a área de Mantemento de Espazos Públicos Urbanos, que xestiona a concelleira Eva Vilaverde, detectáronse como zonas de actuación para a reposición do firme tramos na avenida Xoán Carlos I, na praza de Galicia (o tramo da parada de autobuses), na rúa Fernando II, na rúa Víctor Said Armesto – Campo da Torre, e na rúa Juan Bautista Andrade. Tamén se rehabilitará a capa de rodadura da rotonda Xoán Carlos I – Losada Diéguez – Gaiteiro Ricardo Portela, da rotonda da avenida Fernández Ladreda, e da glorieta da rúa Echegaray – Alfonso XIII. 

Todas estas actuacións serán debidamente comunicadas á veciñanza de cada zona nos días previos ao inicio dos traballos, posto que conlevarán cortes e desvíos de tráfico puntuais.

Desde o inicio destes traballos de mantemento, o pasado 20 de abril, xa se levan realizado intervencións de acondicionamento de pavimento, recolocación de lousas de pedra e reparación de entradas de garaxes nas rúas Michelena, Condesa Pardo Bazán, profesor Filgueira Valverde, Paxariñal, Sagasta, Eduardo Pondal, doutor Enrique Marescot, Xeneral Martitegui con Prudencio Landín, e praza de España. 

Ademais das actuación do contrato de mantemento de espazos urbanos, para o que se destina un orzamento de 450.000 euros nesta anualidade, desde a área que xestiona Eva Vilaverde tamén se están a realizar, desde inicios deste mes, traballos de reparación de avarías na iluminación pública e pintado de farolas e semáforos que presentan corrosión.